A casa máis grande
Estes días rememorei as cartas que intercambiaba no instituto coas miñas amigas. Cartas espidas, cartas libres, cartas verdadeiras. Cartas escritas con letra redonda, con corazóns e cores vivas e ese xeito atafegado de dobrar o papel. Gardo aínda moitas delas nunha caixa de cartón azul. Gárdoas porque, transcendendo a ollada sobre algo aparentemente inmaduro, infantil, naquel anaco de xunco e tinta había confianza, agarimo e intención. Había intimidade.
A escritora mexicana Cristina Rivera Garza define as misivas que intercambiabamos como un acto de amor: "Talvez non existan no mundo cartas de amor máis ardentes que as que se fan chegar, xa por correo ou xa en persoa, as adolescentes". Recólleo así en El invencible verano de Liliana, un libro que reconstrúe o feminicidio que en 1990 lle arrebatou a súa irmá a través dos escritos de Liliana, misivas e notas dirixidas ás amigas ou a si mesma. Saca, recupera e resignifica verbas dunha vida segada e outras tantas arrasadas para sempre. Que virtude, facer agromar palabras cando non as hai.
Lembrei a lectura e as cartas escoitando a Isabel Coello no foro As mulleres que opinan son perigosas. O seu podcast, La casa grande, mergúllanos no máis complexo e soterrado da violencia de xénero a través das voces de vítimas reais e da súa contorna máis próxima. Xornalismo da mellor altura: o que está coa xente aínda que a xente xa non estea.
Coello nomea e reivindica o libro de Liliana, o de Cristina, o de todas, porque afonda na carencia que aínda temos: precisamos unha linguaxe que nos poida axudar a identificar as múltiples violencias que nos matan, mesmo en vida. Velaí unha das claves imprescindibles para eliminalas: aprender a nomealas para que existan.
É xustamente iso o que estamos facendo aquí. Falamos, escoitamos e parecemos, todas xuntas, no escenario e nas butacas, tras as cámaras e os biombos, un gran intercambio de cartas adolescentes. Unha casa grande, a máis grande, para ollarnos, estreitarnos e estampar nomes.
"Ás veces precisamos un pouco de silencio para que as palabras se xunten todas sobre a lingua e, xa reunidas, se atrevan a saltar ao mesmo tempo", escribe Garza. Ás veces, penso entre o público, parecémonos ás mulleres que describe, "sempre a punto de morrer […] Mulleres morrendo e, con todo, vivas". Ás veces somos o soño de Begoña Caamaño: unha caste de mulleres libres.