Opinión

As mulleres na igrexa "estranxeiras residentes"

Esta expresión, "estranxeiras residentes", acuñada por Elisabeth Schüssler Fiorenza (Pero ella dijo. Prácticas feministas de interpretación bíblica, 1996) remite á experiencia de sentirse á vez membros e excluídas. Membros porque formamos parte da comunidade eclesial por unha opción de fe e compromiso pero excluídas porque a linguaxe, a estrutura e moita da fundamentación teolóxica que segue vixente na igrexa exclúenos non só do liderado senón tamén da palabra e da toma de decisións.

En palabras doutra gran teóloga, as mulleres na igrexa "están excluídas da plena participación no sistema sacramental, dos centros eclesiais onde se están tomando importantes decisións, establécense normas, elabóranse símbolos e os roles de liderado público oficial, tanto no goberno como na asemblea litúrxica. Están chamadas a dar culto a un Deus salvador masculino enviado por un Deus masculino cuxos lexítimos representantes só poden ser homes, aspectos todos eles que reducen as súas persoas, precisamente como femininas, a un papel periférico. Xúlgase que a súa feminidade non é adecuada como metáfora para falar de Deus. Nunha palabra, as mulleres ocupan un espazo marxinal na vida oficial da igrexa: están necesariamente alí, pero con valor limitado", (Elizabeth Johnson, La que es. El misterio de Dios en el discurso feminista, 2002).

É necesario que se escoite máis o que as mulleres pensamos de nós mesmas, como verbalizamos a experiencia espiritual

Ditas afirmacións poderían levar a pensar que é inxenuo ou incluso perturbador que as mulleres sigamos empeñadas en formar parte dunha institución que no século XXI segue a ofrecernos un espazo restrinxido sen deixar de afirmar que mulleres e homes somos iguais en dereitos e dignidade de orixe. Esta contradición ten moito que ver co modo en que historicamente se construíron as estruturas eclesiais e os referentes e significados que sustentan o modo de exercer a autoridade e o poder na igrexa. (Cf. Carmen Bernabé,  Mujeres en la Iglesia ¿Corresponsabilidad o minoría de edad?, Iglesia Viva, 266, 2016).

O desafío para as mulleres crentes supón reivindicar un espazo de pleno dereito na igrexa. Para acadalo é imprescindíbel, en primeiro lugar, recuperar a memoria das orixes da fe cristiá mirando a Xesús de Nazaret e os primeiros pasos  do cristianismo (Rafael Aguirre, Así empezó el cristianismo, 2010). Ese recordo, profético e subversivo, axudaranos a manter a esperanza de que o cambio é posíbel e a lexitimar a autoridade da nosa palabra.

En segundo lugar, evidenciar que a estrutura xerárquica actual da igrexa non é intrínseca á súa identidade senón que procede das estruturas políticas e dos símbolos culturais do Imperio grecorromano, lexitimadas filosófica e teoloxicamente a partir do século VI. Este tipo de organización non é a única posíbel nin a máis axeitada. Basta achegarse aos textos do Novo Testamento para atopar como os valores de participación, solidariedade, poder compartido e inclusión constitúen a esencia da vida e das estruturas comunitarias (Mt 20,25-26; Mc 10,42-43; Mt 23,8-9; Gal 3,28).

Neste marco compréndese a necesidade de buscar formas organizativas que posibiliten unha distribución de roles e de poder máis igualitaria, nas que queden sen xustificación os discursos patriarcais e os imaxinarios androcéntricos.

O desafío para as mulleres crentes supón reivindicar un espazo de pleno dereito na igrexa

Desde o inicio moitas mulleres deixaron pegada porque asumiron tarefas significativas dentro das súas comunidades contribuíndo ao crecemento e configuración do cristianismo nos primeiros séculos. A súa existencia fálanos do profundo anhelo de igualdade e inclusividade. Desde a súa memoria lexitímase a necesidade de repensar a inclusión das mulleres nos ministerios eclesiais e as estruturas actuais.

Por fidelidade á mensaxe de Xesús de Nazaret, que é quen xustifica a existencia da igrexa, é necesario que se escoite máis o que as mulleres pensamos de nós mesmas, como verbalizamos a experiencia espiritual, que non é menos profunda, reflexiva e adulta cá dos varóns, cal é o noso malestar e por que cada vez máis mulleres nos sentimos "residentes estranxeiras" na igrexa. Este exercicio eclesial axudaría a abrir portas e cambiar actitudes e, sobre todo, deixaría de ser tan difícil de compaxinar ser mulleres adultas e crentes.

Comentarios