Desacredita... que algo queda

Cultura e entusiasmo van da man. Esta idea que recolle a filósofa Zafra nun xenial ensaio pode aplicarse á nosa cultura. Un espazo de creación constante que remou e rema contra a inacción do Goberno. Definir cultura é ben complexo. Somos seres culturais. Habitamos territorios, cidades e fogares que transformamos en diálogo co noso xeito de ver o mundo. De aí que o patrimonio, como parte dos diferentes legados que nos trouxeron ata aquí, sexa tan importante para entendérmonos e poder pensarmos no futuro.

Neste contexto, o debate sobre o informe de Altri realizado polo Consello da Cultura Galega obríganos a unha reflexión importante. Primeiro, lembrar o carácter de órgano consultivo do CCG con facultade, segundo o Estatuto de Galiza, para realizar os informes que considere necesarios e pertinentes para defender e promocionar os valores culturais do pobo galego. Este mandato, case resulta obvio dicilo, inclúe a protección do patrimonio ambiental tan relacionado co territorio e o patrimonio cultural. Xa que logo, nada máis acaído á institución que encargar a unha comisión de expertos e expertas a elaboración dun informe. Elixíronse persoas coñecedoras de temas como emisións contaminantes, política agraria e forestal, paisaxe, patrimonio cultural, turismo ou saúde que valoraron o impacto que o proxecto de Altri tería no noso patrimonio. Entendido este en sentido amplo, isto é, abarcando o territorio, a economía e os valores ambientais e paisaxísticos.

As conclusións do informe alertan, entre outros aspectos, do que implicaría en Galiza unha fractura no territorio, unha nova eucaliptización e unha degradación do chan e os recursos hídricos. O normal sería que o PP e o Goberno abriran un debate sobre estes aspectos tan fundamentais recoñecendo a importancia de tal informe dun órgano como é o CCG. Pois non. A reacción foi o que en lóxica clásica se denominaba falacia ad hominem. Isto é, non debater os argumentos e pasar a atacar e desacreditar a quen os sostén. É certo que a política neste últimos tempos está case reducida a esta modalidade de argumentación incorrecta. O desprestixio do contrario ou directamente o insulto é a técnica máis empregada en todo tipo de debates. Con todo e isto, o único que mostra é a debilidade de quen non pode argumentar ou amosar ideas.

Teño a sorte, e a honra, de poder colaborar co CCG coordenando un dos seus arquivos, en concreto o de Igualdade e Feminismos. Este traballo deume a oportunidade de ver a moitas persoas que desde os arquivos e as seccións do CCG colaboran desde a xenerosidade, mostrando que a cultura é compromiso. Se cadra é certo que o voluntarismo non debería ser a fórmula elixida polo CCG desde a súa creación. Mais cando a institución é atacada por defender o que considera lexítimo, correcto e xusto, mostrar o valor que ten que tantas persoas contribúan desde o seu saber e co agasallo do seu tempo a min segue reconfortándome. Seica entusiasmo e compromiso son palabras vellas. Prefíroas, a pensar que o futuro pase por colocar unha pasteira no corazón verde de Galiza.

Comentarios