mércores 26/01/22

Coruñeses esquecidos II: Gumersindo Pereira Nouche

Gumersindo Pereira Nouche, destacado empresario cinematográfico de Galicia dos anos 20 e 30 do século XX, debeu nacer preto de Santiago de Compostela arredor de 1893, e morreu na Coruña o 25 de abril de 1939, aos 46 anos de idade. Residía, na Coruña, na rúa García Hernández (actual San Andrés), 94.

Gumersindo Pereira Nouche, destacado empresario cinematográfico de Galicia dos anos 20 e 30 do século XX, debeu nacer preto de Santiago de Compostela arredor de 1893, e morreu na Coruña o 25 de abril de 1939, aos 46 anos de idade. Residía, na Coruña, na rúa García Hernández (actual San Andrés), 94. Estivo casado con María Luisa Ruíz Carreras, nacendo do matrimonio tres fillos: Gumersindo (que falecería pouco despois do pai), Esther (que casaría cun médico apelidado Pardavila) e Berta. Posuía unha residencia de verán en Culleredo, na Acea de Ama (na cal falecería Alexandre Pérez Lugín en 1926), na actual Praza Europa. Colaborou en ocasións, xunto con outros membros da chamada “colonia veraniega”, nalgúns eventos da parroquia do Burgo. 

"Foi un dos maiores empresarios de espectáculos da Coruña, tanto nos aspectos teatrais como cinematográficos"

Foi un dos maiores empresarios de espectáculos da Coruña, tanto nos aspectos teatrais como cinematográficos. A súa empresa, Empresa Pereira, levaba, na cidade coruñesa, o "Teatro Rosalía de Castro", o "Salón Doré", o "Ideal Cinema" (na Gaiteira), o "Salón Victoria" e o "Cine Monelos". Fóra da urbe coruñesa, xestionaba tamén en Ordes o "Salón Troche" (onde tamén se realizaban funcións teatrais); o "Cine Capitol" en Santa Cruz (Oleiros) e, no Burgo (Culleredo), o "Cine Rialto". Rexentou así mesmo un importante establecemento hosteleiro na cidade, o "Gran Café-Bar Central", sito na rúa Castelar, 23.
Home de talante liberal, pertenceu a entidades como a Liga Española dos Dereitos do Home, da que era directivo provincial en 1936, sendo socio do Casino Republicano, do Centro de Estudos Sociais "Germinal" (de orientación anarquista), e directivo, nalgunha ocasión, das Irmandades da Fala da Coruña, vencelladas ao nacionalismo, apoiando, por exemplo, a escola, en lingua galega, que esta entidade promocionaba. 

Politicamente, estivo afiliado a Esquerda Republicana, o partido de Casares Quiroga e Manuel Azaña. Tamén ocupou cargos noutras entidades culturais, benéficas ou profesionais como a Asociación Ibero-Americana, formando parte da Xunta Rectora da Cociña Económica (1933), da Asociación de Empresarios de Espectáculos do Noroeste e da Asociación de Empresarios de Espectáculos de España (vogal en 1935).

"Cedía gratuitamente os seus locais para actos públicos dos sindicatos e sesións benéficas, como a organizada pola Confederación Nacional del Trabajo (C.N.T.), durante a II República"

Cedía gratuitamente os seus locais para actos públicos dos sindicatos e sesións benéficas, como a organizada pola Confederación Nacional del Trabajo (C.N.T.), durante a II República, para recaudar fondos para a Casa Sindical coruñesa, o que lle agradecerían publicamente os anarcosindicalistas da cidade.
Na sublevación de xullo de 1936 non chegaría a ser detido polas forzas militares, por considerárselle persoa de orden "dentro de su ideología", pero foi vixiado porque, a xuízo da policía, podería (el e outros republicanos moderados) "tal vez cooperar a la alteración del orden público".

Membro da loxa masónica coruñesa “Pensamiento y Acción nº 11” do Gran Oriente Español, foille aberto o 31 de outubro de 1938 expediente polo Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo; documento que se conserva no Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca (sig. SEMASONERIA_B,C.712,EXP.37). Foi pechado o expediente o 7 de marzo de 1957.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Coruñeses esquecidos II: Gumersindo Pereira Nouche
comentarios