Opinión

O Dépor nunca xoga minutos lixo

Non hai partido tranquilo. Aínda que o Dépor gañe por 2-0 desde os primeiros minutos do encontro

Non hai partido tranquilo. Aínda que o Dépor gañe por 2-0 desde os primeiros minutos do encontro. Iso dá igual. Sempre hai que poñerlle emoción. Home, é certo que para ser un día no que non paraba de chover, que facía un frío que pelaba, onde o público aterecía porque tampouco había moita xente coa que quentarse, pode dicirse que algo de emoción lle ía ben. Pero non era para tanto… Morrer non se morrería de frío, pero dun infarto… faltaríalle pouco a algún.

Claro que para quentar os ánimos tamén estivo o colexiado. Un desastre auténtico que erraba ata cando sinalaba cara onde eran os saques de banda. Ou as mans na área. Cartóns gardadas no peto. Entradas a destempo sen ver. E algún fóra de xogo totalmente desaxustado. Vamos que Figueroa Vázquez, o colexiado andaluz, vai ter que ir ó oculista cos seus asistentes porque este tipo de arbitraxes sobran.

Hai que poñer o ollo na falta de tensión que estraga os bos plans ou unha semana ben traballada

Colexiado aparte, hai dereito a tanto sufrimento? O equipo de Vázquez púxose moi rápido co 2-0 a prol. Toché confirmou que é un home con moito talento para marcar e que conserva intactas as condicións como goleador de Segunda de outras épocas. Tamén obtivo premio Juan Carlos tras unha grande asistencia de Rabello. Iso sucedeu moi rápido. Demasiado. E a partir de aí os deportivistas baixaron a tensión dando por bo o resultado.

Unha ovelliña para tosquiar

Ademáis, o equipo alacantino foi unha ovelliña que parecía estar aí posta, tranquiliña, para tosquiar. E o Dépor tras un primeiro ciclón de apenas uns minutos entregouse á placidez do resultado, como se estivera nunha bucólica campiña francesa. E tan a gusto estaba que malogrou varias ocasións. E así comezou a segunda metate coa vitoria no peto nas cabezas de todos e estragando máis ocasións. E a ovelliña, ó quitarlle a pel, descubriuse que era un lobo con fame. Axudado por algunas torpezas, como é a expulsión de Luisinho, que se repiten insensatamente. O caso é que quen o paga é o equipo e o xogador en estado “on fire” que a bo seguro perderá máis dun partido.

O Hércules xoga con moito sentidiño e vendo a pouca tensión dos de Vázquez botouse enriba do Dépor de tal xeito que se vía vir que o conxunto levantino podía facer moito dano. Primeiro, de falta por unha cantada dun porteiro sempre xenial e que non se merecía unha reincorporación así.
Logo, coa expulsión de Luisinho, o equipo sufriu máis e máis e Sissoko atopou un oco para igualar o marcador.

Seoane ao ataque

Os alacantinos xa tiñan o Dépor contra as cordas e abalazáronse para matar o encontro e non o conseguiron porque se algo teñen as bucólicas campiñas francesas son flores fermosas. Un gol cantado, o da remontada, foise contra as costas dun atacante visitante. A sorte foi dobre porque o Dépor montou enseguida unha xogada de ataque con Seoane que puxo na testa de Toché un balón de ouro para sumar tres novos puntos.

A vitoria salvouse finalmente case co tempo de partido esgotado o que demostra que ós branco e azuis non lles sobran minutos no reloxio e que todos serven. E xa van tres partidos consecutivos así.

Se non fora polo exceso de relaxación do Dépor, polas dúas facianas tan distintas, poderíamos falar da boa aportación de Juan Carlos en tarefas ofensivas. Que o chileno Rabello amosou algunha pinguiña do que se espera del. Que Luisinho é o xogador de máis calidade, co permiso de Salomão, onte lesionado, deste equipo. Pero tamén hai que poñer o ollo na falta de tensión que estraga os bos plans ou unha semana ben traballada. E esa non é cuestión de adestrador, pero si de xogadores.

O ascenso non pode estar comprometido polas subidas ou baixadas de concentración, ou de tensión, dos futbolistas. Noventa minutos é o tempo do show.  É o tempo de suar a camiseta. O tempo de entregarse a unha afección que si está totalmente comprometida co equipo.

Malia todo, os números seguen cadrando. O Dépor suma máis puntos nesta segunda volta. Iso sí, xa non é o equipo menos goleado, pero si o que rendibiliza mellor os goles que marca. Na próxima xornada os de Vázquez visitan ó Mirandés. En Riazor só empataron a 0.

Comentarios