Opinión

Sobre os poemas caligráficos de Uxío Novoneyra

A poesía caligráfica de Uxío Novoneyra bebe de fontes distantes: o action painting, a síntese da poesía chinesa, as poéticas beat e sincrética americanas, a poesía caligramática das vangardas europeas, e dunha autoinfluencia: a propia práctica coma gravador.

Nos caligramas, Novoneyra desbordou as fronteiras da escrita. Nunha longa entrevista con Emilio Araúxo, Dos soños teimosos (Noitearenga, 1999), o poeta manifesta: “Entre a escritura e o debuxo nun principio non houbo separación, toda escritura veu dun facer signos, que nun principio recordaban ben a cousa en si. Moitas veces por debaixo dos grafismos poño o texto mecanográfico, ou o texto composto do grafismo porque, o que eu escribo á mao non é para ser lido, é para ser sentido; quero dicir, sentida a tensión gráfica, que transmita a extremada tensión gráfica.”

Sempre apaixonado pola pintura, Uxío Novoneyra introduciu a fluencia visual na poesía galega contemporánea. Mantivo grandes amizades con Carlos Maside en Compostela, a quen lle dedicou unha inmensa elexía, con Tino Grandío, do que rescatou os seus poemas e outorgoulle un nome a cor característica da súa derradeira época pictórica, o Gris-Grandío. A Laxeiro dedicoulle un longo poema, “Poema Mundo Laxeiro”, sobre o seu fascinante mundo pictórico. Con Reimundo Patiño mantivo unha estreita amizade, compartiron soños sobre a posibilidade dun mundo máis libre e máis xusto, e publicaron, conxuntamente, un libro, Poemas Caligráficos (Cadernos da Gadaña, 1979).

A finais do pasado ano 2019 publicouse en edición bilingüe galego-inglés, The Uplands. Book of the Courel and other poems, traducido por Erin Moure para a casa editorial americana Veliz Books. A obra poética de Novoneyra conecta neste presente pandémico coa axenda política a través da reactivación do pensamento ecoloxista, en contacto coa defensa do mundo rural despoboado e migrante. Esta teima sostida ao longo da súa obra fondamente política e minimamente paisaxística ̶  foi quizabes malentendida por parte da recepción crítica, cando a maioría dos escritores galegos migraran cara  temáticas cidadás, esquecendo no mesmo intre que sucedía o fenómeno máis importante da nosa comunidade: desaparición do mundo rural galego. Agora, cando o rural é unha ruína semellante ao idioma galego, coincide que aparece o interese por pensar a súa reselencia; é agora, cando rematou, cando non hai actividade, cando so quedan restos, e non cando estaba sucedendo a súa extinción, hai cincuenta, corenta, trinta anos... cando a literatura de creación non atendeu ao rural. Quizabes agora é menos doloroso para un pobo coma o galego, desprotexido de si mesmo e do poder.

Para os interesados en navegar no afluente caligráfico da poesía Novoneyra, existen tres referencias imprescindibles: dous libros de Antón Patiño e Carlos Paulo Martínez Pereiro, Universo Novoneyra (Espiral Maior, 2010) e A man que caligrafando pensa (Universidade da Coruña. Servizo de Publicacións, 2010); e, por último, un monográfico da Revista das Letras, nº 804 (14/01/2010), en aberto a súa consulta no arquivo web poesiagalega.org.

Uxío Novoneyra ten unha Fundación dedicada a preservar o seu legado no Courel. Esta institución vén de colaborar coa firma Zara, que neste último mes lanzou unha fermosa colección de roupa inspirada en tres poemas caligráficos de Novoneyra o que provocou unha divulgación instantánea da súa poesía visual desbordando os ámbitos literarios.

Que pensaría Uxío Novoneyra se vise os versos “Din os soños e os paxaros: / A morte non é certo.” camiñado polas rúas de Iowa, Kansas e New Jersey que imaxinara no poema “Vietnan Canto”?

E o verso que lle dedicou ao bailarín Antonio Gades, “Bailas e faisme libre”, transitando a Barcelona debedora do anarquismo republicano doutro poeta caligráfico como foi Salvat-Papasseit?

E o verso dedicado a Elva Rey, “Andas as rúas coma se fose a praia”, movéndose entre os barrios lisboetas de Pessoa?

Abofé que lle faría ilusión ver os courelaos na emigración compartir inmediatamente os seus retratos nas redes coas camisetas de Zara cos seus versos, desde o País Vasco e Cataluña, imaxes de rapaces de cidades, vilas e pobos de Galicia e doutros tantos pobos como o seu, vestir os versos caligráficos que escribiu hai máis de trinta anos sobre folios galgo con rotuladores edding entre as dúas casas, do Courel á Compostela.

Comentarios