Opinión

Do SAF e das desigualdades

Fronte a profesións e oficios que teñen un lugar de prestación e uns tempos de traballo fixos hai outros sometidos a quendas, perigosos, insalubres ou con peculiaridades que determinan unha contraprestación –en tempo de descanso e/ou económica– precisamente por esas circunstancias nas que se executan. Traballar ao aire libre ou en lugares especiais, con maquinaria pesada ou empregando a forza física, utilizar substancias tóxicas ou ter responsabilidade sobre outras persoas incrementa a compensación económica desas prestacións de traballo. Tamén se perciben dietas se hai desprazamentos utilizando o vehículo propio, e ese tempo que se bota indo dun lugar a outro conta por lóxica como tempo traballado. E se iso acontece en empresas do mesmo sector, aplícase a normativa ás traballadoras de todas elas por igual en virtude da vixencia dos convenios colectivos de traballo (de momento). Pero… iso é sempre así?

Hai un sector, o do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), prestación básica dos servizos sociais, no que concorren moitas desas circunstancias: o centro de traballo non é fixo, os horarios de traballo non sempre son os mesmos, moitas veces os contratos son a tempo parcial e trabállase con persoas das que hai que responsabilizarse, atender e coidar facendo algunhas tarefas que comprometen a saúde da traballadora porque teñen unha carga física. Ten este sector, iso si, un convenio colectivo, pero leva anos sen cumprirse, e algúns pretenden revisalo obviando o pago do incremento do IPC pactado (será porque foi do 6,5% no ano 2021). Pero é que neste traballo mesmo pode acontecer, tratándose do SAF prestado polos concellos, que os desprazamentos entre domicilios sexan considerados tempo de traballo, ou non; que sexa a propia traballadora a que se faga cargo dos custos de desprazamento, ou que o faga a empresa pero só dos que son en zona rural; e mesmo que: a) sexas traballadora do propio Concello tras superar as probas pertinentes; b) traballes por conta allea para a empresa que presta o servizo para o Concello; ou mesmo c) sexas contratada como autónoma pola empresa que presta o servizo para o Concello.

O grupo de traballo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza concluía xa nun traballo de finais do ano 2020 que este servizo, que conta cunha gran demanda sobre todo no rural por non existir outros recursos de proximidade e que é un dos mellor valorados polas persoas usuarias, precisa de cambios lexislativos para adaptarse á realidade social.

Tamén nese estudo sinalábanse as disparidades canto ao prezo do servizo, as baixas temerarias dalgunhas empresas que optan á prestación do SAF nalgúns concellos e a necesidade de contemplar todas as circunstancias nas que se desenvolve o traballo para a fixación do prezo, instando á Xunta de Galiza a establecer un prezo/hora mínimo para garantir a calidade do servizo. E centrándose na figura das propias traballadoras, resaltaba a necesidade de fixar os horarios de traballo dun xeito coherente, o que evitaría ter que traballar horas illadas en días distintos, ou establecer unha porcentaxe dun 80% da actividade de tarefas de carácter persoal (coidados) e un 20% de tarefas de atención doméstica (limpeza), dado o uso pouco axeitado que se fai do servizo nalgúns casos. Outra consideración fundamental é a necesidade de establecer protocolos para os casos de acoso e dos atentados contra a dignidade que sofren as traballadoras do SAF, así como a delimitación das tarefas para realizar, xa que en ocasións non están claras e crean confusión nas persoas usuarias do servizo.

A día de hoxe, no que pouca dúbida suscita a necesidade da aplicación de coeficientes redutores para a xubilación do persoal sanitario, as auxiliares do SAF que coidan, asean, limpan, acompañan, fan a compra ou controlan a administración de medicación de persoas de idade ou enfermas, están fóra da posibilidade de beneficiarse desa medida, e mesmo de ter unha xornada de traballo reducida.

E visto o anterior, terá algo que ver nesta situación que o 95% das persoas que traballan no SAF son mulleres e que son traballos de coidados, eses que sempre caen do mesmo lado? Que empregos son os máis desiguais?

Comentarios