Opinión

Torre de Hércules. Patrimonio de ninguén?

Admirámonos perante as caprichosas creacións artísticas que a natureza, dona de si, é quen de moldear ao seu antollo e sen mancar. Sorprendémonos perante a forza dun mar que bate embravecido e ouleador, maré tras maré, contra a costa da Praia das Catedrais. Marabillámonos no equilibrio granítico das Penas de Rodas, a deitar imperturbábel ollada panorámica sobre a Terra Chá.

Admirámonos perante as caprichosas creacións artísticas que a natureza, dona de si, é quen de moldear ao seu antollo e sen mancar. Sorprendémonos perante a forza dun mar que bate embravecido e ouleador, maré tras maré, contra a costa da Praia das Catedrais. Marabillámonos no equilibrio granítico das Penas de Rodas, a deitar imperturbábel ollada panorámica sobre a Terra Chá. Bautizamos civilmente, nun exercicio de personificación que testemuñe a natural comuñón convivenvial humana e paisaxística, como “O gardián do val” ou “O ceñudo”, xigantes facianas en que a erosión ten convertido as moles graníticas dos Penedos de Pasarela.

A intelixente intervención do ser humano nun espazo xeográfico, baseada no respecto polo medio natural, na sustentabilidade e na non expoliación avarenta de recursos, agasallounos con auténticas obras de arte que, só desde uns valores éticos e morais coherentes e conscientes co alto valor do patrimonio legado, as xeracións anteriores á nosa teñen protexido e posto en valor.

Ese mimo de tantos galegos e galegas garantiu que hoxe poidamos comprobar como, na longa galería dos monumentos Patrimonio da Humanidade, o Camiño de Santiago (1993), o núcleo histórico de Santiago de Compostela (1985), a Muralla de Lugo (2000) e a coruñesa Torre de Hércules (2009) son olladas no escaparate das marabillas do mundo, de mans dadas, co Parque Nacional de Iguazú (Arxentina), a Gran Muralla (China), o monumento neolítico Stonehenge (Inglaterra), a Cidade vella d´A Habana, o Mosteiro dos Xerónimos e a Torre de Belem (Portugal) ou a Catedral de Nôtre Dame (Francia).

Este título, concedido pola UNESCO, pretende catalogar e preservar lugares de excepcional importancia cultural ou natural e para acceder a ese recoñecemento de honra o lugar debe ter un “sobresaínte valor universal”. E disto na Galiza sabemos moito.

Mais é ben sabido que a conservación do patrimonio precisa de atención respectuosa continuada, de planificación cómplice dese labor de coidado e de investimento que garantan a vitalidade do lugar para o goce do presente e mais para a súa herdanza posterior nas mellores condicións posíbeis. Quere iso dicir que, en caso de non se cumpriren os obxectivos de coidado e conservación por parte das autoridades públicas responsábeis, o monumento pode ser retirado desta listaxe de recoñecemento mundial e, consecuentemente, perder un referencial valor económico e de prestixio o seu contorno social inmediato.

A cidadanía coruñesa está a observar con especial preocupación a escasa sensibilidade da actual corporación municipal, presidida polo alcalde do PP, don Carlos Negreira, responsábel de que a Torre de Hércules leve desde o mes de xaneiro pechada e inaccesíbel á cidadanía coruñesa e mais ao sector turístico que albisca, neste monumental faro marítimo romano, único no mundo aínda en funcionamento, o seu principal núcleo de interese na nosa cidade.

Desde hai xa catro meses, privados da visita interior á Torre de Hércules e da panorámica costeira única que desde o seu alto se admira, este monumento Patrimonio da Humanidade semella querer ser convertido desde o concello en Patrimonio de Ninguén, pois os seus trece traballadores e traballadoras foron despedidos, as importantes obras anunciadas que obrigaban o peche hermético non se coñecen nin teñen sido aínda obxecto de concurso público, segundo a información que ofrece periodicamente o grupo municipal do BNG ou o grupo creado polos expulsos traballadores da Torre de Hércules nas redes sociais e, o que é aínda máis peocupante, non se coñece data para a súa reapertura a piques de entrarmos na temporada de lecer estival.

Pechar incomprensíbel e inxustificadamente a Torre de Hércules -porque non foron dadas razón convincentes desde o concello, como o tempo se está a encargar de demostrar- e negar o acceso público ao seu interior, significa denigrar unha parte do patrimonio galego da humanidade, invisibilizar a natural divulgación da historia de noso así como do marco lendario que o explica, ignorar a necesaria divulgación da riquísima microtoponimia que o contorna, onde cada pedra, illote, con ou furna responde polo seu nome propio que adormece na memoria dos seus mariñeiros e percebeiros coruñeses. No entanto, o que semella falta de planificación e xestión (in)consciente (?) por parte da concellaría correspondente, xa ten constatado un efecto inmediato: contribuír a minguar a capacidade económica de desenvolvemento do sector comercial turístico da cidade, que continúa o seu progresivo declive, ao permitir desactivarse este reclamo-alicerce como vertebrador foco de atracción para o turismo interior e exterior, tal e como se puido comprobar xa nos datos do período vacacional da Semana Santa e nas diferentes pontes de lecer, como a recente do Día das Letras Galegas.

Agardamos que aquela nova recoñecedora do noso, que tanta alegría provocou na cidadanía coruñesa o 27 de xuño de 2009, non fique adormecida para sempre, pola insidia irresponsábel dos gobernantes, na tamén existente e deshonrosa Listaxe de Patrimonio da Humanidade en Perigo. É o noso desexo que o Faro da Humanidade nos ilumine!

Comentarios