Opinión

Paz Andrade e a actual marxinación financeira de Galiza

Con grande lucidez, Valentín Paz Andrade definiu como “nó gordiano” do noso desenvolvemento o problema financeiro, o investimento e o aforro.


Con grande lucidez, Valentín Paz Andrade definiu como “nó gordiano” do noso desenvolvemento o problema financeiro, o investimento e o aforro. Na súa brillante actual obra La marginación de Galicia Paz Andrade considera que o noso problema non está do lado dos recursos e dos factores humanos, porque “Galicia atopará vantaxes do lado dos seus factores inmanentes”; o problema está en que Galiza foi “quedando á marxe, ou participando escasamente nos grandes despregues financeiros que comandan os núcleos favorecidos pola polarización do poder económico, o oligopolio da enerxía e a transmigración do aforro”. Despois de analizar con profusión a información estatística detallada de bancos e caixas de aforros conclúe con total clareza e contundencia deste xeito: “o fenómeno da marxinación do capital de Galicia é principalmente consecutivo á inadaptación do marco institucional do aforro, sexa bancario ou extrabancario, ás necesidades e aspiracións do país. No canto de impulsar o desenvolvemento do complexo socioeconómico de modo integral, o que fai é favorecer a expulsión dos recursos financeiros que deberan alimentar preferentemente aquel proceso. O mecanismo funciona con plena eficacia aspirante, pero exigua acción impelente, cara a prosperidade do territorio” (LMG, 149). Máis adiante insiste, “cando unha rexión comeza por non vincular ao seu destino económico o uso autónomo do seu aforro, non fai outra cousa que expulsar o factor capital do seu sistema produtivo. Ao mesmo tempo queda indefensa para participar con armas propias na estratexia de desenvolvemento” (LMG, 152). Denuncia a drenaxe realizada pola banca privada oligopólica e, asimesmo, o uso do sector público para reforzar ese transvase: o crédito público, os coeficientes de investimento obrigatorio imposto ás caixas de aforros, convertidas, como el afirma, en “nodrizas dun INI” que apenas inviste en Galicia.

Canto mudaron os tempos!, pero que pouco os mecanismos profundos do noso “nó gordiano”, a marxinación do capital. Que outra cousa pode provocar en nós o que hoxe está a acontecer co noso sistema financeiro?. Ese proceso de espolio do aforro dos galegos, de desmantelamento e entrega das nosas caixas de aforros que xestionan perto da metade do noso aforro, ou a recente absorción do Banco Pastor polo Banco Popular, son un golpe letal contra todo o que se puido avanzar con moito esforzo desde aquel entón. Espolio que ten o efecto engadido e deliberadamente buscado de deixar sen substancia e efecto unha das principais competencias do Estatuto de Autonomía, a competencia sobre as entidades de crédito e caixas de aforros.

O problema está hoxe no mesmo sitio onde estaba cando escribía Paz Andrade, niso que el cualificou con termos moi explícitos nos últimos capítulos de LMG, na “cúpula do sistema”, no “rompeolas das españas”, é dicir, no centralismo e máis nidiamente no seu centro: Madrid, “capricho do taciturno” e sumidoiro de todas as enerxías do sector público.

Paz Andrade concebiu e promoveu no seu momento, naqueles anos 60, a creación dun Banco de Investimento. Aquela iniciativa foi obstaculizada finalmente polo réxime franquista, desde Madrid e coa conivencia dos seus servidores aquí. Hoxe estamos situados nun deses momentos cruciais que se dan de vez en cando na historia. Estamos a piques de perder unha a entidade financeira galega que xestiona uns 75.000 millóns de activos e perto da metade do aforro dos galegos.

A sociedade galega está preocupada polo que pasa, mesmo indignada como vítimas de prácticas fraudulentas e depredadoras, pero non a vexo totalmente consciente da envergadura e alcance do que está a piques de consumarse.

A situación é máis dramática que nos tempos de Valentín Paz Andrade. El daquela pelexaba por crear un Banco de Investimento para Galiza. Nós agora estamos a piques de perder o que queda das dúas grandes caixas de aforros. Daquela non había institucións galegas propias e hoxe si, pero todo parece como se tal cousa non tivera mudado. Para que valen as institucións autonómicas se non serven para preservar a nosa capacidade financeira, un mínimo control sobre o noso aforro e a súa utilización para o desenvolvemento do país?

Aínda estamos a tempo de evitar un desenlace que de producirse será irreversíbel e deixará por lustros un baleiro enorme no país. Os galegos corremos o dramático risco de quedar sen ferramentas propias para o crédito e o investimento por moitos anos e os aforradores quedaremos presos dunhas entidades foráneas que estarán en mellores condicións que nunca para impoñernos un trato leonino e depredador. Máis aínda os aforradores non terán liberdade para poder decidir facer o depósito do seu diñeiro en entidades do país e son obrigados a facerse cómplices de entidades cuxas sucursais son esencialmente terminais dunha gran aspiradora cuxo saco está en Madrid para acabar engordando o circuíto da especulación global.

Como cidadáns non podemos asistir impasíbeis diante dunha Xunta de Galicia que parece rendida diante das forzas e impulsos que chegan de Madrid e do olimpo das finanzas españolas, fiando todo, no mellor dos casos, a que se produza unha combinación de estrelas milagreira. Ben sabe deus, como sabía Paz Andrade, que en economía non hai milagres e en finanzas tampouco. Hai que actuar e facelo con enerxía e afouteza.

Poderiamos pensar que, como en tempos de Paz Andrade, hai que facer todo desde abaixo, sumando un a un, para poder levantar ferramentas ao servizo do país. Pero sería descorazonador chegar á conclusión de que iso que agora temos, as institucións galegas, non sexan quen de facelo por todos nós. Contando co apoio de todos porque están, teñen que estar, ao servizo de todos nós.

É hora de solucións, é hora de gobernar. É tarde pero aínda é posíbel. Facerse cargo de todo o que queda cunha Banca Pública ao servizo de todos sería un paso que xustificaría unha pobre lexislatura. Perdelo todo xustificaría unha gran indignación e unha decepción definitiva en relación ás institucións impotentes e, desde logo, aos que as esterilizan.

comentarios