Opinión

Explotación financeira dos aforradores e contribuíntes

O acordo do Banco de España de impoñer un límite do 1,75% aos xuros anuais que os bancos pagan aos aforradores polos seus depósitos é un escándalo dun calibre monumental. Sería considerado un despropósito se non fose porque está inscrito na lóxica das decisións españolas e europeas de entregar todo -si todo- á banca e as finanzas.

O acordo do Banco de España de impoñer un límite do 1,75% aos xuros anuais que os bancos pagan aos aforradores polos seus depósitos é un escándalo dun calibre monumental. Sería considerado un despropósito se non fose porque está inscrito na lóxica das decisións españolas e europeas de entregar todo -si todo- á banca e as finanzas. Contribuíntes, usuarios de servizos públicos, traballadores públicos e privados, economía produtiva e... aforradores, todos están sendo obrigados a entregar parte dos seus ingresos e do seu benestar para repoñer as contas da banca que no conxunto da UE tiñan chegaron a ter un burato que máis do 30% do PIB. Imos co tema dos aforradores.

Que significa e que consecuencias ten esta medida?

Primeiro, impoñer un límite do 1,75% aos xuros pagados polos bancos é unha medida destinada a abaratar os custes do diñeiro para as entidades financeiras (que por outra parte xa están beneficiando de diñeiro prestado polo BCE con xuros de 0,75% a tres anos).

Segundo, os aforradores percibirán uns xuros que están por debaixo do aumento da inflación (este ano foi do 2,9%). Polo tanto, imponse unha minusvalía en termos reais do diñeiro aforrado.

"O acordo do Banco de España de impoñer un límite do 1,75% aos xuros anuais que os bancos pagan aos aforradores polos seus depósitos é un escándalo dun calibre monumental".

Terceiro, é unha vulneración do seu sacrosanto principio de liberdade de mercado que só se aplica para os xuros dos depósitos pero non se pon ningunha limitación equivalente para os xuros dos créditos (para empresas e comercios hoxe pode roldar entre 8-10%, cando teñen a ben conceder o crédito). O Banco de España failles o favor de impedir a competencia na captación de depósitos pero déixalles plena liberdade para prestar –se teñen a ben- e ao xuro que consideren (obviamente nunca menor do que poida obter nos negocios especulativos e por exemplo na débeda pública que como sabes anda arredor do 5-6%). De forma que os bancos son libres de establecer os marxes que queiran e así poden ter as mellores condicións para aumentar beneficios.

Cuarto, o argumento do Banco de España de que esa medida acabará indirectamente abaratando o crédito tería algo de verdade se estiveramos diante dun modelo de banca de intermediación de verdade. Como o modelo de banca no que estamos e van reforzar é o da gran banca global o único que imos facer e entregarlle a esa banca recursos a menor coste para que eles fagan negocios máis gorentosos nos mercados globais.

Quinto, curiosamente o Banco de España autorizou ao bancos a aumentar todo tipo de comisións aos aforradores (por ter contas abertas, por tarxetas, domiciliacións, por depósitos de títulos, por transferencias, por descubertos, etc etc). Esa é a outra gran liña de ganancias que ten unha banca inútil que apenas concede crédito.

"Como o modelo de banca no que estamos e van reforzar é o da gran banca global o único que imos facer e entregarlle a esa banca recursos a menor coste para que eles fagan negocios máis gorentosos nos mercados globais".

Sexto, esta é unha medida que ten como principais beneficiarios aos grandes bancos e os bancos con menos vocación minorista. Busca asfixiar á banca pequena e o que queda das caixas para expulsalos do mercado e entregar esas entidades a mellor prezo aos grandes bancos. Os grandes bancos son os que poden financiarse no Banco Central Europeo e no interbancario internacional a tipos de xuros; en cambio os bancos pequenos son os que están obrigados a captar depósitos e para conseguilo pagan tipos de xuro máis elevados que os grandes. Se non poden competir por esa vía perden a capacidade para captar aforro e desaparecerán antes.

Sétimo, curiosamente o Banco de España imponlle isto tamén ás entidades controladas polo FROB (é dicir, con recursos dos contribuíntes); na medida en que esta estratexia lles corta o acceso á captación de aforro dos clientes, iso traducirase nun colapso máis rápido destas entidades. Coa particularidade que a súa desvalorización traducirase nunha reducción do seu valor, o que permitirá ao gran banco que adquirilos no seu momento a prezo de saldo. De xeito que esta medida prepara o terreo para o desenlace por eles desexado, co maior beneficio para o comprador e o maior coste para o sector público (os contribuíntes).

Oitavo, esta medida contra os aforradores súmase ás anteriores relativas a comisións e, sobre todo, á autorización deliberada e dolosa por parte do Banco de España para a colocación de preferentes e subordinadas entre os aforradores -como vía de capitalizar as entidades- e a final decisión de consumar a estafa cunha “expropiación” (quita) do valor deses títulos.

Non cabe dúbida que esta medida inscríbese na liña de usar os aforradores –o aforro popular- como unha das fontes de recursos para sanear a banca. Os aforradores convertense via decisión do Banco de España e do Goberno nos rescatadores obrigados dunha banca endebedada até o inimaxinábel (a súa débeda representa o 135% do PIB: un 105% directamente e outro 30% vía sector promotor).

"Os aforradores convertense via decisión do Banco de España e do Goberno nos rescatadores obrigados dunha banca endebedada até o inimaxinábel"


Noveno, os aforradores non só fan esa contribución directa ao rescate da banca, senón que son os que a manteñen en pé cos seus depósitos e, ademais, contribúen tamén cos seus impostos, coma todos os demais contribuíntes, a financiar os fondos de rescate para a banca e os elevadísimos xuros da débeda pública que van aos especuladores do cupón dos bonos da débeda.

En definitiva, estamos diante dunha medida que revela a vontade de continuar favorecendo aos que fan negocios operando nos mercados con productos financeiros especulativos, a costa de todos aqueles que producen bens e servizos e os que xeran rendas modestas a partir dos aforros do seu traballo. Teimando de xeito irresponsábel no prolongamento do modelo de economía financiarizada que nos arrastrou a este marasmo.

comentarios