Opinión

Carta a Del Bosque

Supoño, Vicente, que todos somos sensíbeis ao que nos atinxe, que todos, sen o podermos evitar, ollamos o mundo cos nosos ollos e, en consecuencia, somos, en maior ou menor medida, egoístas empedernidos. Sei que o futebol é só futebol e que, ao falarmos del, non o debemos tomar, nen tomarnos a nós proprios, demasiado a serio. Sei tamén que es todo un cabaleiro.

Supoño, Vicente, que todos somos sensíbeis ao que nos atinxe, que todos, sen o podermos evitar, ollamos o mundo cos nosos ollos e, en consecuencia, somos, en maior ou menor medida, egoístas empedernidos. Sei que o futebol é só futebol e que, ao falarmos del, non o debemos tomar, nen tomarnos a nós proprios, demasiado a serio. Sei tamén que es todo un cabaleiro. Educado, sensato e respeitoso, nada proclive a guindar rutilantes xornalísticos nen a promover ou responder provocacións de nengún tipo. Un señor dos que xa non fican, quero dicer. O teu bon talante, a túa forma positiva de afrontar as situacións e os feitos, ensaríllanme a tarefa de che comunicar as dúbidas que me asolagan, e entro xa en materia, ao ler que non te imaxinas un partido entre España e Catalunya. Para o argumentar, tes dito: “Uns dos principais focos de unión da equipa nacional son hoxe os tres porteiros. Un é catalán, outro é madrileño e o terceiro, andaluz. Un deles xoga máis do que o outro e o último apenas ten disputado minutos, mais entre eles non hai ningunha fenda”.

"Tencionas comparar a selección coa nación española?"

E que?, pergunto eu. Que ten a ver a relación entre dous garda-redes -poñamos Casillas e Valdés, para cinxírmonos ao tema que nos ocupa- coa relación entre dúas nacións ou, para sermos exactos, entre un Estado e unha nación que aínda non ten Estado. Trátase dunha metáfora? Tencionas comparar a selección coa nación española? Queres dicer talvez que se os futbolistas se levasen a matar si que visualizarías o partido que agora non es quen de enxergar? Non acabo de te entender, Vicente, mais cáesme ben e heime limitar a pensar que che falta imaxinación.

Comentarios