Nova Poesía Guitirica, unha realidade
O pasado día 2 de outubro se presentaba en público nos actos da homenaxe a Díaz Castro polo XXV cabodano do seu pasamento
O pasado día 2 de outubro se presentaba en público nos actos da homenaxe a Díaz Castro polo XXV cabodano do seu pasamento un grupo de 8 poetas de Guitiriz baixo o título de "Afillad@s de Pepe" a xeito de honra ao poeta do Vilariño e con unha denominación ou cuño definitivo de Nova Poesía Guitirica (NPG). Aquel acto, organizado polo concello de Guitiriz, Xermolos e o proxecto Os Vilares, lareira de soños, supuxo a creación deste grupo poético heteroxéneo no artístico pero homoxeneo na acción.
Estes poetas novos, Luz Campello, Mar Beres, Fátima Fernández, Judiña de Lea, Pas Veres, Xelo Teijido, Xosé Antón Cascudo e Jaki Quintela, viñeron para quedar
Guitiriz, coa sorte de ter un poeta referencial na literatura galega como é Díaz Castro, aposta por coller a súa herdanza e convocar un premio de poesía e aposta pola cultura e a literatura como elemento de futuro, imaxe de marca, na que este grupo poético, xoven e inquedo vai ser trascendental para a consolidación desta aposta.
En tempos nos que a poesía non é rendible económicamente, demostran a valentía de escribir, publicar e trasladala ao público sen complexos, en actos públicos, en algún caso con acompañamentos musicais atrevidos e dunha maneira natural e divertida, aberta. Hai poesía máis aló do papel e de outros soportes, hai a poesía directa falada e musicada, os versos como modo de interacción coa xente. Tod@s el@s teñen publicado en algún soporte de papel ou dixital e agora abordan novas propostas.
A NPG está a traballar xa para levar a poesía a outros lugares e a novos foros, non só igrexas e dunha maneira participativa, implicando aos asistentes aos seus recitais á participación activa, e levar polo país adiante, na compaña de Díaz Castro, outros poetas chairegos e Guitiriz como foco de poesía que dá poemas de auga e poetas de pedra nesta Nova Poesía Guitirica á que se lle agarda longa vida.