Opinión

Galiza tínguese de negro once anos despois

Hoxe é un día triste, un día triste para a Democracia con maiúsculas! A burla negra que maxinamos fuxida para sempre das nosas vidas, volta das mans da inxusta decisión xudicial que entende –once anos despois- que non houbo responsábeis da maior catástrofe ecolóxica que ten sufrido a nosa terra. Semella que a Xustiza, como daquela os gobernos da Xunta e do estado, anda máis á deriva que andou o Prestige hai once anos pola incompetencia dos que tiñan a obriga de defender o mar, a costa, as praias e a saúde e os postos de traballo dos homes e mulleres do mar.

"Contrariamente ao que moitos din, hoxe todos e todas nós pagamos polo Prestige; todos agás os verdadeiros responsábeis da catástrofe"

Hoxe a xustiza premia aos incompetentes, aos mentireiros e aos saqueadores sen escrúpulos e castiga a todas as persoas que non dubidamos en acudir á chamada da terra ferida; castiga aos mariñeiros e ás mariscadoras, que arrincaron coas súas mans e coa súa saúde o negro chapapote que ameazaba con deixar ermo o mar e as súas vidas; e castiga tamén á xente de ben que, da Galiza e de fóra da Galiza, traballamos de xeito voluntario e solidariamente suplindo as carencias, a mediocridade e a incompetencia das administracións.

A sentenza ditada onte é unha labazada tamén a todas as persoas que manifestamos a nosa rabia polas rúas da Galiza esixindo xustiza e solucións; porque non nos movía o rancor, non “ladrabamos o noso rancor polas esquinas”; foi a indignación o que nos moveu, a indignación fronte ao absoluto desgoberno, fronte a tomadura de pelo que supuña ver aos gobernantes desaparecidos, de cacería, mentres o chapapote invadía as nosas costas e as nosas vidas. E foi tamén a dignidade, a dignidade persoal e como pobo, un valor que só saben apreciar quen o posúen.

"E algo quedou claro logo desta sentenza é que no estado español o delito ecolóxico é gratis; porque para os nosos gobernantes o medio ambiente é algo superfluo, algo subordinado aos intereses empresariais ou políticos"

Contrariamente ao que moitos din, hoxe todos e todas nós pagamos polo Prestige; todos agás os verdadeiros responsábeis da catástrofe que, en moitos casos, nin sequera sentaron no banco dos acusados. E mentres, o chapapote segue a chegar ás nosas praias!

E se algo quedou claro logo desta sentenza é que no estado español o delito ecolóxico é gratis; porque para os nosos gobernantes o medio ambiente é algo superfluo, algo subordinado aos intereses empresariais ou políticos; por iso se pode conceder, a golpe de acordo e pasando por riba de decisións anteriores e “irrevogábeis”, tres anos máis a ELNOSA para que siga vertendo mercurio sobre os bancos marisqueiros da Ría; por iso mesmo están a pensar na prórroga a ENCE e ELNOSA máis alá do 2018, porque defenden abertamente o interese particular fronte ao interese xeral.

Por iso, por xustiza, por dignidade, HOXE MÁIS QUE NUNCA… NUNCA MÁIS!

Comentarios