Opinión

Diáspora Nacional: Matria e Galiza Exterior

O concepto de “Diáspora” é ben antergo e milenario. Trátase dunha palabra que remonta a súa orixe a lingua grega; ven significando “dispersión de comunidades humáns”.

O concepto de “Diáspora” é ben antergo e milenario. Trátase dunha palabra que remonta a súa orixe a lingua grega; ven significando “dispersión de comunidades humáns”.

No cotiá fálase da diáspora pra referirse a “dispersión de grupos étnicos ou relixiosos que abandoaron o seu lugar de procedencia orixinaria e que se encontran espallados polo mundo, vivindo entre persoas que non son da súa condición”. 
Xeralmente sempre se ven falando da “diáspora xudía”, debido a condición errante forzada (e por tanto nómada) que tiña iste pobo; unha característica tamén extensible a outros pobos que tamén teñen condición diaspórica: “diáspora afrodescendente na América Latina”, “diásporas tribais africanas”, etc.

"No cotiá fálase da diáspora pra referirse a “dispersión de grupos étnicos ou relixiosos que abandoaron o seu lugar de procedencia orixinaria e que se encontran espallados polo mundo, vivindo entre persoas que non son da súa condición”

A Real Academia Galega apunta o seguinte sobre a Diáspora no seu diccionario virtual: “Dispersión que sofre unha etnia, pobo ou comunidade, por motivos políticos, relixiosos, etc.” Pobo ou Comunidade que, ainda sen ser recoñecida como Estado ou País soberano, sempre foi un pobo histórico antropolóxicamente estable e homoxéneo. Iste é o caso do pobo galego que, por motivos políticos e económicos, sempre contou cunha emigración larvada e estructural que foise convertendo en regueiro interxeracional ao cabo de centos de anos. Unha emigración de xentes que comparten un espazo orixinario cheo de significantes que nunca se esquecerá en destiño (ex. morriña ou saudade) e sempre estará en constante reelaboración e resignificación.

Actualmente, no eido académico e sociopolítico, fálase de diáspora pra referirse a situación actual dos pobos orixinarios (ex. maias, mapuches, etc.) exiliados alén dos seus espazos xeográficos propios; pra referirse a tribus/comunidades étnicas migradas por vontades alleas e conflictos externos (principalmente en África e Asia); e como non, tamén se fala de diáspora pra referirmos aos pobos que históricamente teñen unha comunidade emigrante estructuralmente relevante (emigración histórica e interxeneracional) e que mantén fortes lazos culturais estables (lingua, folklore, etc.) co lugar de procedencia orixinaria. Niste sentido, dende fai décadas vense falando da diáspora vasca, a diáspora catalana ou a diáspora galega.

Cando estamos a falar da diáspora dun país ou dunha diáspora nacional en concreto, non hai que pensar só no conxunto numérico da emigración, no fluxo migratorio en cifras ou na emigración como fenómeno limitado e desligado da comunidade de orixe. 
O concepto de Diáspora inclúe significados e significantes, procesos entrelazados, reapropiacións dos suxeitos políticos migrantes (non obxetos apolíticos), unha cosmovisión compartida, herdada e reconstruida en constante proceso de construcción/deconstrucción.

Analizando a demografía do pobo galego, concretamente os fluxos migratorios, vemos como dende o século XIX o fenómeno da emigración vaise facendo máis estructural a medida que remata o século XIX. Xeración tras xeración vaise vendo un incremento paulatino das persoas que emigran, vaise extendendo iste fenómeno as catro provincias do país, e pouco a pouco, vanse diversificando os países de destiño. 
Comeza o século XX e a diáspora xa ten vida propia tanto no plano ideolóxico como no espiritual. Poemas e narrativa sobre a diáspora galega que son cohetáneos ao Rexurdimento do XIX. ¿é azar? O certo é a sangría migratoria tamén fai que se poñan en valor os pilares básicos da cultura galega, tómase conciencia histórica de seu.

"O concepto de Diáspora inclúe significados e significantes, procesos entrelazados, reapropiacións dos suxeitos políticos migrantes"

¿Que é o relevante nistes fluxos migratorios do século XIX que constitúen a Diáspora Galega?

En primeiro lugar, no eido económico, hai que resaltar que as persoas emigrantes fano por un contexto sociopolítico e económico concreto, cunhas características estructurais e impostas que fan estructural un paro histórico na Galiza: falta de autogoberno e soberanía pra autoorganizar a economía galega, paro estructural larvado sen políticas públicas concretas, ausencia de infraestructuras e plans de modernización das economías locaias, centralismo españolista e ausencia de investimento público en benestar social e nos entornos rurais. 
A emigración non se dá por motivos individuais, senon sociopolíticos e económicos sociais. Ainda que a decisión última de emigrar a partir do século XIX é “voluntaria”; non o é a reflexión previa e a proxecto migratorio que cada familia se ve na necesidade de por en marcha. Proba diso son as constantes remesas que se enviaban á Galiza Interior coa finalidade de incrementar o capital familiar en orixe (viñas, eidos, tarreos, produtos básicos, etc.) Non se tratou, en xeral, dunha emigración individualizada; senon todo o contrario, foi unha emigración socializada xa que na persoa emigrante depositábase a responsabilidade de poder desenrolar espranzas e proxectos de tódalas persoas do fogar. Niste sentido, o vínculo económico foi sempre moi intenso e estable entre o páis e alén.

"A emigración non se dá por motivos individuais, senon sociopolíticos e económicos sociais"

Emerxe con forza diste xeito a Galiza Exterior: man de obra asalariada no exterior que ten unha unión forte coa Galiza Interior, “non están nin acá nin alá”. Mais estas dúas Galizas conforman unha soa.

En segundo lugar, no eido social, hai que resaltar que froito desta emigración socializada tamén se orixina unha vida cotián socializada na Galiza Interior e na Galiza Exterior. 
Na Galiza Interior as familias das persoas emigrantes estreitan lazos, as veces len cartas en común, o coidado de cativas/os e dependentes tamén se socializada recaendo sempre nas mulleres das aldeas, fanse amizades estables froito da emigración dos maridos e fillos, compártense en orixe inquedanzas e practícase o apoio mutuo, etc. 
Na Galiza Exterior as persoas emigrantes tecen redes de solidariedade, coidados e amizade; comparten malestares froito da vida cotiá en destiño e da vida orixinaria na Galiza Interior. E eiquí cando se pode falar de Diáspora Nacional. Emigración homoxénea antropolóxica e sociolóxicamente falando que comparte un orixe común, uns sentimentos compartidos/descifrables e unha idea (realizable ou non, máis ou menos intensa) de tornar a Galiza Interior nalgún momento da vida (eterno retorno imaxinario a orixe).

"Na Galiza Exterior as persoas emigrantes tecen redes de solidariedade, coidados e amizade; comparten malestares froito da vida cotiá en destiño e da vida orixinaria na Galiza Interior"

En terceiro lugar, no eido cultural e identitario; as persoas emigrantes crean Centros Galegos e usan como lingua vehicular o galego, fan quedadas gastronómicas e culturais, comparten sentimentos de morriña e saudade, xeran estruturas educativas pra ensinalo galego a mocidade da emigración, forman grupos de música e danza, editan revistas en galego, constrúen simbolismo e cultura galega que tamén será asumida como propia e xenuina na Galiza Interior, etc. 

Estamos por tanto ante unha diáspora histórica e situada, diversa e universal. Unha cosmoloxía de comunidades espalladas alén do país que comparten unha serie de símbolos, referentes, pasado común, etc. A diáspora galega é un fenómeno sociopolítico e cultural complexo que precisa de moita socioloxía e antropoloxía, dunha perspectiva e reflexión crítica e, como non, dun amplo debate sociopolítico con tódolos axentes sociais da Galiza Interior e da Galiza Exterior.

As mulleres nistes tres eidos dos fluxos migratorios (económico, social e cultural/identitario) e da diáspora teñen un papel relevante e crucial tanto na Galiza Interior como na Galiza Exterior; un papel histórico na vertebración da Diáspora Galega.

Son as coidadoras en orixe e destiño, as portadoras da memoria colectiva, os referentes culturais e históricos da emigración, as aforradoras e as administradoras, as que limpan bágoas e rebaixan as mágoas, as que fan doble e triple xornada laboral eiquí e elí, as que máis sofren porque na emigración do XIX solo partían os homes, as que sostiñan fogares, as que lembraban danzas e letras das cantareiras, as narradoras de lendas e contos antergos... a Galiza Nai, a Matria. 

Vemos por tanto que (a pesar de anos e décadas fora de país) as galegas e galegos migrantes tamén compartimos esa Matria que se enraiza e xermina na Galiza Interior, tecemos lazos culturais en torno a Galiza Nai e temos como referencia cultural e identitaria a cultura compartida, a Matria: somos a Diáspora Nacional Galega.

Son tempos de matriotismo social e diáspora activa
Son tempos de soberanía nacional