Opinión

Manter a lingua propia non debería ser un deporte de risco

Para algúns os nados entre o 1994 e o 2010 somos a xeración Z, pero en Galiza moitos "millenials" identifícannos coa xeración que xa non viu Xabarín Club. Este programa infantil tivo tanta pegada na rapazada dos 90 e dos 2000 que aínda a día de hoxe moitos dos antigos asiduos telespectadores de programas como As bólas máxicas se emocionan, ao escoitar a abertura do programa nalgún vídeo perdido das lembranzas dos bos tempos.

Coa aparición de novas canles na televisión con milleiros de programas estranxeiros dobrados ao castelán e a precaria oferta horaria do Xabarín Club xa nos 2000 é doado achacar a isto a perda de galegofalantes entre a mocidade e os nenos e nenas. 

É por desgraza sabido por todos que segundo a enquisa do INE publicada no pasado decembro o galego xa non é a lingua maioritaria no país, e xa hai tempo que deixou de selo entre os mozos e os rapaces. As linguas e o seu número de falantes non son ciencias exactas, e a situación destas varía ao longo da historia sen seguir verdadeiros patróns. Certamente a situación pode cambiar, pero para moitos dos que analizan ás mozas e aos mozos galegos isto non leva moita traza de mellora.

Porén, non se atopa solución algunha culpabilizando ás novas xeracións de desleixadas ou irresponsables, porque non o son. E dígoo como un dos poucos galegofalantes que son dentro dunha xeración brutalmente castelanizada. Porque que case o 30% dos mozos e mozas de menos de 20 anos teñan serias dificultades para falar en galego non é casualidade, nin é un defecto de partida dos que naceron a partir de 2002. É un problema da sociedade ao que as institucións parece que fan caso omiso.

Que a lingua non estea todo o presente que debería na vida dos mozos é en gran medida culpa da falta de contido en galego orientado á xuventude e á rapazada. Xa no 2015 o ILG advertía da importancia da dobraxe en galego para a saúde da lingua, e A Mesa pola Normalización Lingüística advertía do deficiente uso do galego en plataformas como Netflix ou Amazon Prime. Tanto é así que a maioría da poboación ten tan normalizado que non exista a posibilidade de ver filmes ou series estranxeiras na lingua propia que nin tan sequera se propoñen comprobalo á hora de escoller unha película.

Iniciativas pioneiras no seu tempo como o Xabarín Club fixeron que fora habitual poder consumir animes en galego que aínda non se emitían en castelán. Sen dúbida, a posibilidade de consumir en galego faría que a lingua non fose estraña para a mocidade. Malia a evidencia disto, as poucas series que están dispoñibles en galego nestas plataformas son grazas a organismos coma A Mesa, o que fai que moitos se pregunten onde están os organismos públicos que non fan nada ao respecto.

Malia ser certo que existen iniciativas públicas para a creación de contido audiovisual en galego, estas gozan de moi pouca difusión, ou polo menos moito menos da necesaria. Certo é que é difícil competir coas grandes multinacionais do eido audiovisual para a televisión pública galega, mais dobrar contido para os mozos debería ser unha función de primeira necesidade dada a evidente diglosia na que vive o galego entre os sectores máis novos da poboación.

Para alguén coma min que o vive dende dentro é duro sentirse moitas veces estraño no lugar onde menos quixera un destacar como galegofalante, que é un instituto de Galicia. Manter a lingua propia despois de pasar a odisea castelanizadora da ESO non debería ser un deporte de risco, pero para milleiros de mozos e mozas galegos estase a converter nunha actividade de suma esixencia. Pois cando na música máis difundida non ten cabida o galego, cando a situación do audiovisual en galego é tan precaria é evidente por que os mozos non falan galego e ven estraña a lingua e os galegofalantes mozos.

Aínda na escuridade que envolve o futuro do idioma se albiscan luceiros, xente que crea contido en galego, aproveitando as novas canles de difusión como Twitch ou TikTok. Xente que sen caer no autorreferencialismo crea todo tipo de contido en galego, do xeito normal, como tanto arelamos. Pois todo vale en galego, pois unha lingua que sexa vehículo da comunicación normal non pode ter trabas ou limitacións de ningún tipo, todo o que consomen os mozos pode ser difundido en galego.

Grazas a xente como Verto ou Boyanka Kostova o trap en galego existe, e grazas a rapeiros como Son da Rúa o rap en galego non ten nada que envexarlle ao rap en inglés ou castelán. A mocidade galega ten unha capacidade incrible de creación, e un potencial que debemos aproveitar. Só se precisan máis medios, maior apoio institucional e social e en definitiva maior visibilidade se queremos que o galego non soe estraño a moitos mozos. O futuro da lingua na mocidade pode cambiar, e xa temos gromos de esperanza, agora só nos queda contalo.

Comentarios