Opinión

O cínico impasíbel

A matanza de Gaza, ese abominábel crime de lesa humanidade executado polo sionismo israelí, revela con absoluta transparencia a dobre vara de medir de Occidente e amosa a perversa moral da maioría dos seus dirixentes. A xornalista australiana Caitlin Johnstone, colaboradora do portal independente Consortium News, realizou unha análise comparativa que permite amosar o nivel de degradación da trama político-institucional dos países occidentais.

Comeza revelando que os nenos masacrados en Gaza superan con creces o número de rapaces ucraínos desprazados polo Kremlin fóra das zonas de guerra. Para a Corte Penal Internacional foi unha "deportación ilegal", incluso despois de recoñecer que a maioría foron devoltos ás súas familias en perfecto estado. Porén, esa "deportación" foi unha das razóns polas que a CPI considerou a Vladimir Putin un criminal de guerra, cunha orde de arresto internacional incluída.

O que fixo Putin é tan grave? Entón, prestemos atención ao que sinala Johnstone. Segundo a ONU, en menos de dous meses de bombardeos en Gaza preto do 70% das vítimas mortais foron mulleres e nenos que, cun total de máis de 20.000 mortos e desaparecidos, pasarían das 14.000 as nais e nenos palestinos masacrados. Pola contra, en 21 meses de guerra no Leste a ONU calcula nunhas 10.000 as vítimas civís, das cales menos de 600 serían nenos. Cabe preguntármonos, a CPI tomou unha medida similar con Netanyahu ou cos dirixentes europeos que o apoian? Rien de rien. Van "investigar", disque.

O abismal contraste entre ambos datos (igual de terríbeis, pero de moi diferente calado) acusa de forma inexorábel os medios, institucións e gobernos occidentais co seu insultante despregue de hipocrisía, cinismo e dobre vara de medir ao enfocar os conflitos internacionais. Todo o mundo sabe que a CPI actúa como avalista das decisións occidentais dirixindo o seu látego contra as nacións máis débiles ou as que ousan pararlle os pés á anglosfera imperial, pero agardábase un mínimo de dignidade. Vana pretensión. A Rusia nin auga, en cambio, para actuar contra o xenocidio israelí a CPI tómase o seu tempo, sen preocuparse dos ominosos crimes dos sionistas e do martirio xenocida de Gaza. Claro, trátase da nación elixida por Deus e protexida polo Imperio. Xustiza internacional? Unha broma, só escatoloxía mesiánica, racismo e estratexia neocolonial.

Por certo, agora sábese (segundo o prestixioso xornal israelí Haaretz) que unha parte significativa do masacre de mozos e mozas xudías do 7 de outubro foi responsabilidade directa do exército israelí, non só de Hamás. Os puntos escuros deste conflito comezan a aflorar, un síntoma de que algo anda moi mal en Israel. Non lle arrendo as ganancias ao falso profeta Netanyahu.

Esta revelación núa dos datos (dalgunhas) das traxedias que afectan ao mundo deberíannos facer reflexionar. De ser o caso, non resultaría difícil concluír que a maioría dos gobernos e institucións occidentais están manipulando os cidadáns e mentíndolles sobre os verdadeiros motivos que guían os seus actos. Un dos principais retos da esquerda debería ser desenmascarar esa impostura. Ou non avanzaremos.

Comentarios