Opinión

Neocapitalismo

Os grandes medios fixeron acendidas loas do programa esbozado por Biden, con motivo dos 100 días de goberno, proclamando o maior xiro á "esquerda" en EUA dende os tempos de presidente Roosevelt. O problema desta "análise" é que se queda nos titulares e non vai ao fondo da cuestión. De entrada, deberíase aclarar que o paquete anunciado por Biden de seis billóns de dólares en rescates, investimentos públicos e axudas (con grandes retornos bancarios a cargo dos contribuíntes) xa se estaba negociando co Congreso hai un ano pola administración de Trump. Saben a quen elixiu daquela a Reserva Federal para presidir o Consello de Vixilancia encargado da auditoría desta voluminosa "axuda"? Nin máis nin menos que a BlackRock, a maior xestora mundial de fondos de cobertura. Pero, oh sorpresa!, trátase da mesma entidade neoliberal que asesora a Biden na Casa Branca en temas financeiros.

En realidade, a decisión de inundar os mercados con billóns de dólares xa fora deseñada pola elite financeira internacional, nun cumio en Wyoming en 2019, ante a crise que sacudía o planeta. O obxectivo era impulsar un cambio de paradigma económico-financeiro situando a enerxía verde como novo negocio mundial. Coa Covid, o programa acelerouse. Enténdese mellor agora a que se debe esa "xenerosidade" bancaria para prestar diñeiro a mansalva? De igual xeito, na UE temos os fondos Next Generation, coa participación da gran banca e con importantes custos sociais como contrapartida.

Por tanto, a idea transmitida polos medios de que Biden quere limitar os beneficios de Wall Street (WS) salvando ao cidadán común é absolutamente delirante. Non se debe esquecer que Biden comezou en política como senador polo paraíso fiscal de Delaware, reelixido durante un cuarto de século como premio aos seus servizos. Por tanto, comparar o Green Deal de Biden co New Deal de Roosevelt non deixa de ser unha falacia. A estratexia de Roosevelt, un verdadeiro progresista, consistía en neutralizar a hexemonía de WS mediante a lei Glass-Steagall (GS), e outras medidas, co obxecto de eliminar a especulación bancaria e evitar a formación de monopolios, garantindo a seguridade dos aforros familiares e o crecemento da economía social. Foi durante o mandato do demócrata Bill Clinton, en 1999, cando se derrogou esa norma permitindo que volvese imperar a lei da selva financeira ata os nosos días.

Chegados aquí, cómpre preguntar: houbo algún aceno de Joe Biden por reactivar a GS, a lei anti-neoliberal por antonomasia ou de cancelar a débeda pública? Ningún. Por tanto, nada de impugnar o neoliberalismo nin nada de política anti-Wall Street. Con ese paquete o que se vai incrementar é a acumulación e concentración de capital e, en consecuencia, máis desigualdade e precariedade social a medio prazo. 

Pero o que é certo é a necesidade política das elites de aparentar que se fan cousas en beneficio da maioría social (a curto prazo), seguindo a estratexia deseñada en Davos. Están preocupados e hai que aproveitar a crise para poñer a funcionar a tope as imprentas dos bancos centrais e retrasar o estalido social o máximo posíbel. E que siga a festa.

Comentarios