Opinión

FTX, unha creba oportuna?

Se ben non hai dúbida de que a alta finanza decidiu rebentar a burbulla das criptomoedas e facer caixa (como fixo antes con outras), a creba de FTX, unha das plataformas de cambio de criptomoedas máis importantes, cun millón de acredores en todo o mundo agora en bancarrota, encerra algúns interrogantes sobre os que resulta pertinente reflexionar. FTX era unha organización modélica, asociada do elitista Foro Económico Mundial (FEM), ademais de figurar como o segundo doante máis importante de Joe Biden en 2020, e do Partido Demócrata na pasada campaña ao Capitolio, gozando o seu líder Bankman-Fried dun acceso fluído á Casa Branca.

Así, en marzo deste ano, ao pouco de prometer Biden miles de millóns a Ucraína, FTX colaborou directamente co goberno de Zelensky financiando o programa "humanitario" Aid For Ukraine. Bankman está tamén vinculado aos Clinton a través do programa Global Initiative no que (aínda) figura como "participante destacado" na web da súa fundación filantrópica, revelando a estreita colaboración entre FTX e o establishment do Partido Demócrata.

Esta singular conexión FTX-FEM-Casa Branca-Partido Demócrata-Goberno ucraíno podería insinuar algunha relación causal da creba con algúns dos elementos da cadea. Algúns medios en Estados Unidos sinalan que baixo a cobertura do circuíto de axudas a Ucraína podería esconderse un turbio negocio de miles de millóns de dólares (utilizando FTX unha porta cryto de branqueo) para actividades clandestinas financeiras tanto na Ucraína como en EUA beneficiando o retorno de activos tanto a Bankman como a Zelensky ou o Partido Demócrata.

Finalmente, a excesiva euforia de Bankman-Fried con este negocio fixo que saltasen as alarmas e que alguén considerase un risco (político) excesivo os seus audaces manexos acabando por "fritilo", en honor do seu pintoresco apelido. Todo comezou cunha información do portal CoinDesk sinalando que, "ao parecer" se filtrara un documento que demostraba que Alameda Research, un fondo de cobertura operado por Bankman, recibira grandes transferencias de FTX. Inmediatamente, outra plataforma de criptomoedas, BinanceCredit, competidora de FTX, anunciaba a súa intención de vender os seus activos en Alameda. Foi o sinal para que miles de acredores de FTX iniciasen a retirada de fondos. Porén, a situación aínda era economicamente manexábel e Binance manifestara a súa disposición a mercar FTX. Non obstante, todo se precipita da noite para a mañá, Binance bótase atrás coa escusa de "mala xestión" e, ao tempo, por un estraño capricho dos fados, FTX sofre un providencial ataque cibernético producíndose diversas manipulacións nas súas contas, ademais de transaccións ocultas de centos de millóns de dólares.

Para rematar, o desenlace prodúcese xusto despois das eleccións ao Capitolio, cos republicanos acadando a maioría na Cámara de Representantes. Lembrar que o Partido Republicano xa anunciara a intención de investigar os escuros negocios dos demócratas na Ucraína, e agora máis co escándalo de FTX. Había que precipitar a creba e eliminar rastros comprometedores? Moi interesante, a ver que nos depara o futuro próximo.

Comentarios