Opinión

A grande impostura

O G7 presenta como un logro histórico o recente acordo de que as grandes empresas globais tributen un mínimo do 15%. É tan marabilloso e revolucionario que negocios que moven centos de miles de millóns de dólares anualmente tributen a un tipo menor que un traballador que ingresa uns humildes 12.000 euros? En realidade, trátase dun lavado de cara das transnacionais ao tempo que unha "medida paliativa" ordenada polo Cumio de Davos. O capitalismo mundial decidiu maquillarse para evitar o colapso económico do sistema neoliberal e o conseguinte estalido social. Pura cosmética.

Dende o derrubamento das torres xemelgas de Nova York, os acontecementos evolucionan de forma acelerada e aparentemente caótica: as guerras de Medio e Próximo Oriente, a gran crise de 2008-2018, a intervención imperial no norte de África, os enormes continxentes de refuxiados e inmigrantes e, finalmente, a pandemia e as súas gravísimas secuelas económicas e sociais. 

Sinalaba Naomí Klein na súa obra "A doutrina do shock" que o sistema neoliberal para seguir existindo necesita da destrución das conquistas sociais e, para iso, utiliza os desastres (naturais ou inducidos) co obxecto de impoñer un novo modelo de explotación económica sen que a xente se decate. En definitiva, trátase de utilizar a psicoloxía social manipulando as conciencias e provocando a máxima conmoción e confusión. Así é como saen adiante reformas impopulares que noutras circunstancias sería imposíbel acometer. Este é o caso da salvaxe reforma bancaria que pretenden levar a cabo as entidades financeiras aproveitando o shock da pandemia. 

Aí temos a brutal contrapartida ao 15% que achegarán as transnacionais. Uns 20.000 despidos previstos na banca española nun futuro próximo en condicións deplorables para os traballadores, aforrando centos de millóns mediante estratexias como a redución da idade de despido eludindo a obriga de adiantar ao Tesouro Público o custo das prestacións de desemprego dos maiores de 50 anos. E todo iso, despois de que os principais bancos do IBEX leven despedidos dende 2008 a máis de 90 mil traballadores ingresando no mesmo período uns 100.000 millóns de euros. Só en 2020, no ano da pandemia, tiveron un beneficio de 3.100 millóns, sen contar que a eliminación masiva de sucursais no medio rural causará un enorme prexuízo á gran maioría dos cidadáns. Robotización en masa, pero sen alternativa para os usuarios e os miles de traballadores cesantes. A onde imos? Á distópica "sociedade inútil" (alienada) que sinalaba Harari, o augur de Davos.

De forma simultánea, co pretexto de loitar contra o lavado de diñeiro ilegal impídeselle á cidadanía facer pagos en efectivo. A quen queren enganar? Os grandes delincuentes (aos que habería que perseguir en vez dos pequenos aforradores) seguirán utilizando os paraísos fiscais, indispensábeis para o "branqueo" do tráfico de drogas, armas, prostitución etc. En realidade, o que se persegue é o control total dos recursos e aforros da xente común limitando os seus dereitos e liberdades individuais en contradición co que correspondería a unha verdadeira sociedade democrática. Ata cando?

Comentarios