Imprimir

“Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”

R. Castro | 24 de febreiro de 2016

xurxolobato-rosalia2
Imaxe da mostra 'Airiños Aires Rosalía' [Xurxo Lobato]

Xurxo Lobato inaugurou esta semana en Lugo a mostra 'Airiños Aires Rosalía', unha “homenaxe fotográfica ao mundo rosaliano” na que retrata os lugares nos que viviu e que a inspiraron, ademais da súa pegada na Galiza contemporánea. 

O novo proxecto de Xurxo Lobato é unha mostra de 50 fotografías, patrocinada pola Obra Social La Caixa, que pode verse desde esta segunda feira na sala de exposicións da Deputación de Lugo, e un libro homónimo con 70 imaxes que estará nas librarías desde finais desta semana. 

Trátase dun novo reto do fotógrafo coruñés que naceu dun estado anímico concreto: “Tiña moitos encargos profesionais, pero precisaba un traballo de autor, propio, no que implicarme”. E pensou en Rosalía porque “é unha das poucas figuras que une ás diferentes tribos galaicas, xunto con Castelao, pero moitísimo máis. Rosalía xera unanimidade no norte, no sur, no leste e no oeste”. 

Así que hai tres anos foi á Casa-Museo de Padrón, falou con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, “que me guiou e me tutelou” e puxo mans á obra. “Crin que non había ningunha homenaxe fotográfica a Rosalía e púxenme de inmediato”, explica. “Era un reto tratar de retratar o mundo rosaliano, un mundo do século XIX, tendo en conta que o diálogo entre a fotografía e a literatura non é sinxelo”.

Neste tempo dedicouse a buscar a Rosalía alá onde estiver: Madrid, Simancas, Santiago, Padrón, Lestrobe, Muxía... “Fun aos lugares onde viviu e tamén aos lugares que a inspiraron: Bastavales, as Torres do Oeste, Muxía, Conxo...”.

A mostra 'Airiños Aires Rosalía' estará en Lugo até o 30 de marzo e logo itinerará por todo o país

O resultado é unha mostra e un libro (en galego, español e inglés) con imaxes en branco e negro -“cousa que non é habitual en min”, explica, “porque quixen subliñar unha mirada nostálxica, por seguir os pasos de alguén que viviu no século XIX, con certa melancolía. Fixen as fotos en días grises para ir xerando unha atmósfera”. 

Na mostra e no libro, hai imaxes simbólicas, conceptuais, outras suxerentes... “Hai unha na que fotografo o panteón de Rosalía entre reixas, como símbolo dun Panteón que non é de todos”. Moitas delas están acompañadas por versos da poeta. “170 anos despois do seu nacemento, seguen vixentes os grandes temas tocados por Rosalía, como a emigración”, apunta Lobato. “Moita xente que vai de moderna escoita falar de Rosalía e cre que é algo folclórico. E é unha mágoa porque ten moitas lecturas e convén actualizala”.

A mostra 'Airiños Aires Rosalía' estará en Lugo até o 30 de marzo e logo itinerará por todo o país: Compostela (Casa do Cabildo), Vigo (Casa das Artes), Museo de Pontevedra, Centro Marcos Valcárcel de Ourense, Kiosko Alfonso da Coruña e Torrente Ballester de Ferrol.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/rosalia-das-poucas-figuras-une-diferentes-tribos-galaicas/20160223210135045220.html


© 2021 Nós Diario