Blogue | E eu que sei

Nogueira, Mella e a exclusión do nacionalismo galego

Hai uns días condecoraron un amigo, Camilo Nogueira, cunha medalla co nome de Daniel Castelao, ninguén mellor para levala, xa dixen. Do mesmo modo que o recoñeceron hai un par de anos en Trasalba, baixo a sombra de Otero Pedrayo. E hai uns días fixeron o mesmo recoñecemento a Carlos Mella Carlos Mella, até hai uns días presidente da Fundación Castelao. Ambos reciben agora a benzón de Castelao e Otero Pedrayo.Que gocen delas ben tempo.

Curiosamente sendo ambos protagonistas do nacemento e primeiros tempos da autonomía  son heterodoxos ao discurso oficial. E lembrei un episodio de Nogueira e de Mella que me parece moi significativo, cando os partidos españois con representación na cámara autonómica entón argallaron un modo de excluír aos deputados de partidos que non concordaban coa constitución vixente. Tratábase simplemente de excluír aos partidos galegos, quen defendían a autodeterminación e a soberanía da Galiza.

Non hai porque concordar con eses principios políticos para comprender que era unha trama legal para deixar sen representación a esa parte da cidadanía que escollera nas eleccións autonómicas aos seus representantes para que defendesen os dereitos nacionais do seu país. Non hai porque concordar con eles para saber que quitarlle esa representación era unha fraude democrática do máis miserábel.

E non hai porque ser moi intelixente para comprender que se trataba de crear unha autonomía que, excluíndo aos nacionalistas que podían interpretar aquel autogoberno dunha forma máis ambiciosa, fose submisa ao centralismo da corte madrileña.

Ficou claro que os partidos do réxime pretendían excluír da vida civil a unha parte da cidadanía que eramos partidarios de considerar o noso país como nación e defender o seu dereito a defenderse dun centralismo expoliador abafante.

Votaron e gañaron, impuxeron a obrigatoriedade de xurar a constitución. O deputado por Esquerda Galega, EG, Camilo Nogueira denunciou a imposición por antidemocrática mais zafouse do xuramento facendo unha promesa,  obrigada. Os tres deputados da coalición BNPG-PSG non quixeron acollerse a ese expediente e foron expulsados do parlamento; e con eles tres tamén os seus electores foron expulsados do marco autonómico.

A continuación Nogueira propuxo unha nova modificación do regulamento para que non fose obrigatorio e puidesen regresar á cámara os deputados expulsados. Era unha ocasión para que se retractasen os demais deputados, e fixérono, como perseguidores dos seus concidadáns. Só un deputado, que pertencía ademais, ás candidaturas que impulsaran aquela reforma antidemocrática votou con Nogueira. E foi o deputado Carlos Mella.

E interesa, e moito, lembrar que os deputados que figuraban na lista do PSOE como "galeguistas independentes" dirixidos por Ramón Piñeiro participaron cos demais nunha inxusta persecución que só prexudicaba ao noso país e reforzaba a súa postración ante o centralismo.

Mella, ademais, xa fora apartado das súas responsabilidades na gobernanza económica por cumprir coa súa obriga, defender as finanzas galegas. Non pregarse á obediencia das directrices que chegaban impostas de Madrid foi un final dese ciclo profesional seu, continuou no parlamento, como antes tivera unha vida profesional como funcionario do estado, mais ese momento con responsabilidades de goberno na autonomía foille quitado.

De modo que é para celebrar velos agora a ambos a coincidir nun tempo de celebracións. Pasa o tempo e vai situando a cada quen no seu lugar e vemos quen serve ao noso país e quen non. Quen se mantivo en posicións éticas e quen entregou a ética ao servizo dunha política inxusta.

Hai veces nas que non hai máis remedio que decidir de que lado está un, con quen se está e aí é cando un se retrata nidiamente. 

Comentarios