Blogue | E eu que sei

Este mal clima noso, estes nosos caciques

Desde o principio dos anos 80, cando Madrid declarou que era “la hostia” e que Barcelona estaba caducada e mais era provinciana os galegos levamos recibido unha ollada conmiserativa, pobres galleguiñus que eran torpes y más franquistas y tenían caciques, mucho caciquismo había aquí, que le teníamos mucho atraso. No como allí que Tierno Galván y otros mendas eran guais y se colocaban.

O peor era que había que ouvir ao noso arredor a xente de aquí que repetía o mesmo, eramos terra de caciques e había que ir a Madrid a liberarse. En fin.

Eu non digo que Fraga fose mellor que Aznar, a cousa andaba así así, nin digo que Feijóo sexa mellor que Ayuso, aínda que hai que recoñecerlle ao noso emigrante que Ayuso é moito máis maleducada, que é o xeitomáis dominante alí. O que si digo é que, se fago caso do resultado electoral, alí hai moitos  máis franquistas que aquí, cousa que me parece normal, pois a economía e o poder de Madrid vai a conta dos demais. Iso si, caciques alí non lles hai, son fascistas simplemente.

E en Andalucía pois aquilo xa era o máximo, que de socialismo non había alí, mimá. Eran todos socialistas, e non coma nós que viviamos sen peonadas, no atraso e no franquismo. Agora votan franquismo como en Madrid, pero iso non quere dicir que non sigan a ser moito máis modernos ca nós, coitadiños.

E co do clima pois sempre pasou o mesmo, que no noso país tiñamos un clima malísssimo, chovía moito e en Andalucía e na meseta polo xeral tiñan un clima estupendo, moito sol e olé.

Agora non sei como é, que polo visto pasan calor que non se atura e cada vez veñen máis a Sanchencho e de veraneo en xeral.

Resulta que agora temos un clima estupendo.

Hai tempo que tampouco veñen profesores da universidade madrileña a explicarnos como hai que ser progresista e modernos. Non sei que vai ser de nós sen que nos guíen desde alí, seguiremos presos do caciquismo.

Agora que escribo isto, tan inspirado polas eleccións andaluzas, e farto de aturar tantos anos a colonizadores e colonizados acomplexados. Quen queira marchar para a meseta que marche dunha vez condenada e que nos deixe en paz. E se non lle gusta a chuvia que gaste terraza, cañitas e libertá con Ayuso e compañía. Que xa cheira de tanto facer o pailán.  

Comentarios