Blogue | E eu que sei

Un elo dunha cadea necesaria

Hai uns días un historiador amigo díxome de pasada, "e vai deixando xa a Baltar...". E tamén hai uns días outra amiga sorprendeuse e desagradoulle que establecese unha relación, "comparación" dicía ela, entre o querido don Benito Varela Jácome e Ramón Baltar. Que terá Baltar que a súa amizade non procuran?

A miña explicación é que recoñecer a súa existencia, a súa realidade, altera o relato establecido. E iso atinxe o traballo de historiadores mais tamén o de ideólogos, comisarios da cultura e intelectuais, mesmo o imaxinario afectivo, as referencias de cada quen. Para algunhas persoas Baltar, ese recén chegado de entre as brétemas do pasado, pode chegar a ser molesto. Mesmo pode haber quen pense que o imaxinei. E non. 

Coido que quen leu con atención "Un señor elegante" xa puido ver no relato, sustentado por documentación, a singularidade do cirurxián Ramón Baltar Domínguez. Singularidade persoal desde logo, pois era todo un carácter e así foi visto polos seus contemporáneos, mais non o era tanto desde o punto de vista histórico. Sendo singular, non era tan raro, pertenceu a un ambiente determinado.

No  relato histórico que se construíu por uns e por outros a súa figura non encaixa. 

Non foi unha referencia académica ou científica, pois apartado da universidade fixo un traballo profesional e de investigación fóra e en paralelo que aínda está sen editar e estudar. Aínda así, mantivo un activismo fóra das vías oficiais dentro das posibilidades de entón, conseguindo que se mantivese e abrise un novo hospital de Beneficencia cando xa estaba cerrado e descartado. E do mesmo modo publicou na revista "Triunfo" un resume dos seus estudos para unha reforma hospitalaria total en España.

Desde o punto de vista científico entendo que a súa figura ten parentesco coa de Isidro Parga Pondal ou Varela Jácome e tantos outras figuras científicas náufragas da República perdida.

Porque representa unha liña que non entra na reconstrución do nacionalismo galego que renace no comezo dos anos sesenta, tampouco no da esquerda españolista que renace na Galiza tamén por esas datas nin tamopuco no do galeguismo cultural que renuncia á República e se adapta ás limitacións do franquismo.

Baltar ten relación con esas tres vías mais non pode ser encerrado en ningunha e por iso non puido ser referencia para ninguén. Tras o pacto dos Aliados occidentais, Reino Unido e EE.UU, con Franco e a disolución da guerrilla e extinción da resistencia no interior a finais dos anos corenta, xa non ten un referente histórico e político. Aínda que el segue asistindo a feridos e escapados da represión. Na secuencia da posguerra hai unha década, os anos cincuenta, de auténtico baleiro no antifranquismo. Nesa década é cando Baltar, xa lle devolveran o pasaporte, viaxa a Buenos Aires inaugurar o quirófano do Centro Galego e reencóntrase co seu irmán Antonio e cos antigos amigos. Alí constata que o exilio, e por tanto a República, xa é irremediábel pasado.

Xa desde a metade dos anos corenta colabora na reconstrución da cultura galega nas empresas que comezan ao redor da Casa de Rosalía. Ese é un fito que non é valorado abondo, tolerado polo Réxime foi un reagrupamento de todo o galeguismo presente no país, unha empresa transversal que permitiu outras posteriores. 

Como o nacemento de "Bibliófilos Gallegos". "Bibliófilos" é verdadeiramente a primeira editorial con capacidade e proxecto para reconstruír a nosa cultura, o seu catálogo é, desde o comezo, extraordinario. En ambas empresas está Baltar de modo práctico e achegando aportación económica en "Bibliófilos" para unhas edicións de calidade. Do mesmo modo que achega colaboración ao renacer da cultura galega faino tamén coa nova xeración antifranquista dos anos sesenta, consta a súa axuda aos universitarios da XEC, os cristiáns demócratas, aos militantes do nacionalismo galego de esquerda e aos do PCE, que renacía prácticamente de cero sen coñecer o pasado dos anos corenta.

A súa figura é un elo da cadea que rompeu na transmisión entre os proxectos nacidos na II República e o renacer do antifranquismo, xa sobre novas, e fráxiles, bases culturais e ideolóxicas. Non forma parte de ningún relato a figura dese home que estaba en Xullo do 36 nas Cortes coa comitiva que entregaba o noso estatuto, que formou parte das estruturas da Resistencia e do renacer da cultura galega sen integrarse na liña e no grupo de Piñeiro. É natural que uns e outras se resistan a recoñecer a súa existencia. Porque a xente moderna non acredita na existencia dos fantasmas. Mais hainos, e algúns son imprescindíbeis.

Estes días, con motivo de cachear nos vellos papeis para ver os seus traballos a prol dos hospitais de Beneficencia, entre os papeis que pasou Jaime Baltar, encontrei unhas notas da súa man estupendas, nas que escribe para si mesmo argumentacións de tipo práctico sobre as instalacións hospitalarias e as camas con sentencias sobre a cirurxía e a Historia. Como hei deixar quedar a Baltar...

Deixo quedar algunha nota aquí:

"La comisión ha reconocido unánimemente que en la provincia faltan camas y que las que existen están mal instaladas. También ha admitido que la solución debe ser urgente.

Sin embargo, la solución a que se ha inclinado, y la menos satisfactoria para el Seguro y para la Diputación parece a primera vista, para favorecer a la Facultad, pero tampoco así, ya que esta va a tardar muchos en poder aumentar camas y es posible que entre tanto, los enfermos sean desplazados a otras ciudades.

La Diputación debe revisar el problema de la vigencia"

"El presupuesto anual de la Diputación de La Coruña es, en números redondos, de 75 millones de pesetas. El de la de Oviedo de unos 240 millones."

"Está bien imitar lo mejor de los hospitales extranjeros pero hay que tener en cuenta las peculiaridades ambientales y procurar que se aproveche lo bueno de las antiguas organizaciones y de estas, los depositarios, son los médicos de las provincias o de los hospitales tradicionales, que tienen una experiencia de la que se ha prescindido casi totalmente."

"A veces, hay que elegir entre una postura cómoda o una actitud digna. Pero hay ocasiones en que coinciden las dos."

"Las inversiones dedicadas a crear nuevos hospitales o a mejorar los existentes, son de primordial importancia y -aunque a primera vista no lo parezca -más remunerativas (?) que ninguna otra."

La atención de la colectividad al hombre enfermo es la mejor expresión de la solidaridad humana y expresa (sic) el nivel alcanzado por la verdadera civilización. Pero además, desde el punto de vista utilitario, permite recuperar hombres útiles para el trabajo.

"La cirugía es una exigente dama, que sabe castigar duramente a quienes no la tratan con todo el respeto debido."

"Todo lo pasado es prólogo". (Frase que se encuentra en el pórtico de la Academia de la Historia de Washington).

Comentarios