Blogue | E eu que sei

E dalle coa "gheada"

Nin son filólogo nin teño titulo de Filoloxia, non teño autoridade nese campo e, dun modo máis xeral, non teño autoridade en cousa ningunha. Son un mero particular, aínda que utente da lingua galega e como é natural teño os meus pareceres, particulares e sen autoridade.

E tamén sei que na vida social as ideoloxías estrutúrano todo, e que hai disciplinas académicas que son intrínsicamente ideolóxicas como a Economía, a Historia e a Filoloxía. E lembro, como un particular sen autoridade, unha parte da historia dos estudos filolóxicos na  universidade galega e como a filoloxía galega foi refundada por Constantino García, ovetense que chegou de Madrid e formado na escola madrileña de Menéndez Pidal.

A filoloxía galega anterior, como consecuencia da nosa traumática historia, fora maiormente labor de amadores e convivían criterios diversos sobre a estandarización da lingua. E os traballos de campo que se fixeran foran moi limitados por falta de estruturas científicas e medios. Así e todo desde podemos dicir que desde Sarmiento existía unha filoloxía galega cos seus debates e reflexións. Eses debates prolónganse aínda na posguerra, e nesa etapa están condicionados polo marco do réxime franquista e as diferenzas que se dan dentro do galeguismo, non hai dúbida de que se poden percibir correspondencias entre as liñas do galeguismo e as visións da lingua.

A finais dos anos sesenta desde a universidade santiaguesa, a única naquela altura, comezan os traballos sistemáticos de recolleita oral, unhas pescudas de gran valor dialectolóxico. Sen eses traballos non se pode ter unha visión sincrónica completa e ponderativa dunha lingua.

Mais pode reducirse unha lingua a unha suma de fenómenos dialectolóxicos sen máis? Esa é a ollada colonial dun antropólogo alleo a esa comunidade humana e que pretende reducila e encerrala na súa ollada. Unha lingua é unha construción ideolóxica e política sempre. E os traballos de campo se non son interpretados desde o interior dunha cultura e tendo en conta a súa historia só poden estar ao servizo dunha visión colonial.

A redución da lingua galega a mera dialectoloxía redúcea a fala. E as falas son "reservas" lingüísticas dentro dun idioma, neste caso dun idioma con estado, o idioma castellano.

É dentro deses dilemas nos que hai que situar que agora volvan coa leria da "gheada". A situación histórica da nosa lingua sen normalizar e sen estado que a protexa está chea de conflitos de todo tipo, culturais e de clase. Ese trazo fonético ten todo tipo de implicacións mais o feito de facer del un tema de debate indica pretensión de afondar nos conflitos desde un bando lingüístico.

A "gheada" é para quen a traballe. Eu gasto "gheada" cando me peta e en contextos distintos e por razóns diversas, do mesmo xeito que me expreso de modos distintos segundo a ocasión e con quen estea. A maior parte das persoas facemos así e non facemos bandeira ou un caso diso. Desde logo que ten implicacións de clase o rexeitamento ou a defensa da "gheada", mais o populismo o mesmo é de dereitas que de esquerdas. E no caso galego o populismo que nos reduce a demografía simplemente, que nos reduce a un censo electoral sen un proxecto nacional, sen dirección histórica e sen cabeza é parte dunha ideoloxía reaccionaria que perpetúa a nosa dependencia e a submisión ao proxecto españolista deste estado centralista.

A quen lle preste a "gheada" que a practique sen ter que dar explicacións, cada quen sabe as súas, mais unha lingua nacional non é unha lingua de clase, é unha lingua para todas as persoas que conviven. E as astucias populistas só serven ao estado de cousas que padecemos como cidadáns e cidadás galegas.

De todos modos, nin son filólogo nin licenciado en Filoloxía e tampouco teño autoridade ningunha, así que estas son opinións moi particulares.

comentarios