Gharaboto F e Cochiqueiros F dominan a billarda feminina na Galiza
Última xornada nas Conferencias de Rías Baixas e Noroeste para definir como quedaban os podios previos á fase final da Liga Galega de Billarda (LGB) que decorrerá o 28 de xuño na Estrada (Campo de fútbol de Santeles, 11 horas).
A xornada no sur decorreu en Sanxenxo (O Salnés) e mantivo até o final o suspense na categoría de equipos. Corredoiras e Lúa de Forza chegaban empatados e, no caso do primeiro botaron man da fichaxe de Mabo Cisse, o segundo maliano na competición. Até o último momento non se definiu o campión que finalmente recaeu no equipo de Sanxenxo (O Salnés) por tres puntos.
Outra das categorías que faltaba por definir era a individual infantil. Antía Balea chegaba con 11 puntos máis que Xián Burgos e parecía unha distancia imposíbel de superar mais as dúas últimas carreiras deron a volta ao podio quedando o palanador de Lúa de Forza como campión.
No resto de categorías cumpríronse os prognósticos e así na absoluta gañou Xan Rodiño seguido de Salvador Santos 'Charri'. Na feminina venceu Lu Torres por diante de Bego Ríos e na de equipos femininos o primeiro posto foi para Gharaboto F seguido de Valpaços F. Ademais, xa hai clasificadas e clasificados para disputar a Fase Final LGB 2025. Nas categorías individuais serán 20 representantes en absoluta e 12 en feminina.
Conferencia Noroeste
Na Noroeste a última xornada transcorreu no campo de Tarrío en Culleredo (comarca da Coruña). Neste caso a emoción quedou reservada para a categoría feminina na que houbo que esperar até última carreira para que Delia Basanta confirmase a súa vitoria por diante de Mercedes Castro.
Na absoluta, Abel Regueiro non tivo opcións e Xan Rodiño non perdoou até levar a vitoria. Na categoría de equipos vitoria sorprendente mais moi merecida de Filloas de Sangue. En infantil, foi primeiro Aleixo Bello, seguido de Román Bello. Por último, en equipos femininos, ganou Cochiqueiros F seguido de Campo da Feira F.
Para a fase final que decorrerá no municipio da Estrada, esta última xornada tamén decidiu a participación que terá neste caso a conferencia Noroeste. Neste caso estará formada por un total de 16 representantes en absoluta e 6 en feminina.