Lúa de Forza e Corredoiras decidirán na última xornada o título da billarda
Lúa de Forza venceu o sábado en Soutomaior (comarca de Vigo) e puxo emoción na Conferencia Rías Baixas ao empatar na xeral con Corredoiras. A última xornada en Sanxenxo (Campo de Billarda de Nantes, 21 de xuño) será a decisiva para saber quen se leva o título. Como novidade, o equipo de Bueu (O Morrazo) incorporou Yahaya Diaby, o primeiro xogador nado en África que participa na Liga Galega de Billarda (LGB).
En equipos femininos a vitoria foi para Valpaços F, que gañou a súa primeira xornada da tempada. Pola súa parte, en individual absoluto venceu Ramón Carballa 'Cho', de Armadiña. Na individual feminina ganou Tania dos Reis, de Valpaços F. En infantil foi primeiro Xián Burgos, de Lúa de Forza. Na categoría absoluta, Xan Rodiño, do mesmo equipo, é xa matematicamente campión, mentres que no feminino vaino ser Lu Torres, tamén de Lúa de Forza, en 14 días. O infantil está tamén definido para Antía Balea, de Gharaboto.
Na Conferencia Noroeste, o Piñeiral da Madalena en Cabanas (O Eume) rematou esta fin de semana coas poucas opcións de Cochiqueiros de optar ao título. Agora, Campo da Feira é virtualmente campión da campaña 2024-25. Nas categorías individuais, Martín Muñiz 'Moñas' foi letal no momento importante. Mentres, en feminina, gañou Vero Pérez, de Río Miño,mentres que en infantil a vitoria foi para Adrián Darriba, do mesmo equipo.
Agora quedan, para a última xornada de Liga, dous títulos en xogo. Son os de individual absoluto e o feminino. Abel Regueiro e Xan Rodiño definirán quen sube ao primeiro chanzo e quen queda no segundo. Na categoría feminina, Delia Basanta terá que conter o empurre de Mercedes Veiga e de Merche Castro, pois son 8 e 9 puntos de marxe os que ten, respectivamente, sobre cada unha delas.
