Acusan represalias por seren reivindicativos

A UTE Tecman-Rayma contra a política de Navantia

O fraccionamento do contrato de mantemento do estaleiro de Navantia en Fene provoca unha concentración do persoal traballador diante da sede da empresa en Ferrol
2020091119230762118
photo_camera Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

Persoal traballador da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma concentráronse na terza feira diante da entrada principal de Navantia-Ferrol para denunciar a actitude da dirección da empresa naval pública, á que acusan de fraccionar o contrato de mantemento do estaleiro e o situado en Fene para "que os traballadores fiquen sen comité de empresa".

Así o asegurou, o portavoz de CIG- Industria Serxio Martínez, que sinala que, segundo o prego publicado por Navantia o pasado 26 de novembro, "teñen que ser como mínimo cinco as empresas que se encargarán deste contrato, co que os 56 traballadores con dereito a subrogación quedarán sen comité de empresa, un castigo por caracterizarse por ser moi combativos á hora de defender os dereitos do persoal traballador".

Martínez detallou que esta licitación "prohíbelle ás empresas interesadas acceder a máis de dous lotes, tras dividir todo o contrato de mantemento en varios lotes, que obriga a que o cadro de persoal teña que dividirse, unha acción que realiza Navantia sen ningún tipo de xustificación e que vai supor maior custe".

O sindicato maioritario entre o persoal da fábrica insiste en que esta decisión tomouse para "ir en contra destes traballadores, por seren reivindicativos". "No seu momento tentaron facer despedimentos, pero tiveron que dar marcha atrás polas súas mobilizacións", sinala.

A CIG incide en que a situación vai supor "unha menor representación sindical e incluso hai dous lotes que son dun ou dous traballadores, onde quedan desamparados", unha situación que segundo Martínez "choca co que fai a propia Navantia noutros centros do Estado español, concretamente na Bahía de Cádiz, onde unha única UTE atende os tres estaleiros".

O portavoz do sindicato trasladou que "se presentaron a este concurso máis de vinte empresas" e que "incluso" houbo unha reunión co comité de empresa de Navantia Ferrol na que o seu obxectivo foi "que este prego se retirase e se fixese unha nova licitación, unha situación á que se comprometeron os compañeiros da empresa principal".

Comentarios