A salvo os 15 tripulantes do pesqueiro burelao 'Nuevo San Juan' após arder no Gran Sol

A tripulación diríxese ao porto de Castletownbere, en Irlanda, a bordo do Nuevo Confurco.
Centro de coordinación de Salvamento Marítimo en Fisterra.
photo_camera Centro de coordinación de Salvamento Marítimo en Fisterra.

A tripulación do pesqueiro de Burela Nuevo San Juan foi rescatada na mañá deste domingo polo Nuevo Confurco tras producirse un incendio que reduciu a cinzas o buque mentres faenaba no Gran Sol, á procura de pescada.

Os 15 tripulantes que ían a bordo do pesqueiro foron recuperados das balsas salvavidas en perfecto estado.

Salvamento Marítimo confirmou que recibiu un aviso do Nuevo San Juan no seu centro de Fisterra por un incendio a bordo en zona SAR británica.

Con esta información, Salvamento informou o seu homólogo no Reino Unido, que desviou a varios buques á zona.

Polo momento descoñécense as causas do incendio, que se esclarecerán unha vez a tripulación chegue a terra. Nestes momentos, diríxense a porto irlandés de Castletownbere, a onde chegarán en menos de 24 horas.

O Nuevo San Juan, de 31 metros de eslora e 8 de manga, partiu cara o Gran Sol desde Burela o pasado 21 de xuño.

O Nuevo Confurco, con base no porto de Vigo, dirixíase cara a costa irlandesa cando recibiu o aviso do servizo de gardacostas do Reino Unido.

Comentarios