“Traballamos até 12 horas seguidas case sen parar e por 7 euros á hora”

Protesto polas condicións laborais en Rande. Imaxe: CIG

A morte dun operario volve traer a primeira liña as condicións de traballo na ampliación de Rande, denunciadas recentemente pola CIG cunha acción na propia ponte.

“Cando hai carga de traballo facemos até 12 horas seguidas case sen parar, mesmo comendo un bocadillo na obra e listo, e traballamos sábados, domingos e festivos, e todo por sete euros a hora. E se te negas mándante para a casa”. A denuncia, recollida pola CIG, de compañeiros de N.G.C, o operativo de 54 anos que faleceu esta cuarta feira en accidente laboral nas obras de ampliación de Rande. O sindicato nacionalista indica que os operarios da subcontrata – por volta de 20 participan na obra- á que pertencía N.G.C.

 

CIG ten denunciado nestes meses en varias ocasións as condicións nas que se traballa nestas obras. “Aínda que se cumprisen todas as medidas de seguridade, que tampouco é o caso, os excesos de xornada provocan fatiga e cansanzo que en moitas ocasións están detrás dos acidentes laborais, neste caso con consecuencias fatais” , afirma Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción.

 

Para Melón, o acontecido nesta cuarta feira é “a crónica dun accidente anunciado” xa que, segundo denuncia, “dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave como o que tivo lugar”. De feito, segundo relatan os compañeiros do falecido, o mes pasado tivo lugar outro accidente laboral nas obras, aínda que nesta ocasión foi de menos gravidade. Con todo, un operario perdeu varias falanxes dunha man.

 

Parlamento

 

A mediados do pasado mes de maio o deputado nacionalista Luís Bará anunciaba que o BNG ía levar ao Parlamento iniciativas para denunciar estas irregularidades e instou a Xunta a que “tome medidas urxentes”. O parlamentar afirmaba que a AP-9  representaba “un roubo” para os galegos e agora as obras para ampliar a capacidade da ponte de Rande, a través do convenio asinado por Fomento e a concesionaria Audasa está a provocar unha situación que “conculca os dereitos básicos da clase traballadora”.