Traballadores de Alcoa encadéanse en Lugo para exixir unha solución ao "problema do aluminio" na Mariña

Traballadores de Alcoa este 14 de xullo ante a Subdelegación do Goberno español en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A subdelega comprométese a falar con Pedro Branco e fixar unha data próxima para a cita na que se debata o futuro da planta.

Un grupo de traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo, A Mariña) encadeáronse na mañá desta segunda feira ante a subdelegación do Goberno español en Lugo co obxectivo de reclamar unha reunión de seguimento co delegado do Executivo estatal na Galiza, Pedro Branco, para "buscar unha solución ao problema do aluminio na Mariña".

Os manifestantes, que despregaron unha pancarta e que corearon diferentes proclamas en favor da negociación e da intervención do Goberno na fábrica para evitar o seu feche, lograron entrevistarse uns minutos coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, que se comprometeu a buscar unha cita co delegado ao longo da segunda feira, xa que nese momento non se puido pór en contacto con el porque estaba "a entregar unha medalla á princesa Leonor".

Traballadores de Alcoa este 14 de xullo encadeados ante a Subdelegación do Goberno español en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os traballadores, que fixeron estalar numerosos petardos e activaron varias bengalas de fume, repetiron varias consignas: "Sen industria non hai futuro", "Enerxía, solución", "O futuro, a intervención", "A Mariña está en loita" e "Non hai acción sen forno de cocción".

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa, explicou que os traballadores reclaman do Goberno "que se poña do noso lado e convoque as reunións que están comprometidas". Acusounos de "boicotear" a industria e de non pór solucións á industria do aluminio "aliñándose coa multinacional e non cos traballadores". Solicitan "solucións para o sector do aluminio, non de facer outras industrias".

Traballadores de Alcoa este 14 de xullo ante a Subdelegación do Goberno español en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O responsábel sindical dirixiuse aos manifestantes para asegurar que "o Goberno en nada está a colaborar coa solución da fábrica" e que o feito de ter que avisar para facer a concentración como demanda a lei quitoulles o factor sorpresa e impediu poder levar a cabo acciones máis rechamantes, como, segundo lembrou, cando se encadearon "no balcón da subdelegación". Zan asegurou que esta semana se reunirán de novo para ver distintas opcións de manifestación debido "ao pouco éxito do acontecido hoxe".