As traballadoras do SAF de Ponteareas e o persoal do transporte de viaxeiros da Coruña, recoñecidos co Premio 8 e 10 de Marzo da CIG
A CIG entregou esta sexta feira en Compostela o os Premios 8 e 10 de Marzo, cos que recoñece as loitas recentes máis significativas para a clase obreira galega. Nesta ocasión, o 'Premio 8 de Marzo' foi para as traballadoras do SAF de Ponteareas (O Condado), que durante 68 días sostiveron unha folga en defensa dos seus dereitos e unha atención digna ás persoas usuarias.
Aliás, o 'Premio 10 de Marzo' foi para o conflito do persoal do transporte de viaxeiras da provincia da Coruña pola súa loita para reclamar un convenio colectivo digno fronte ás "manobras antidemocráticas da patronal". Así mesmo, fíxose unha mención especial ás mobilizacións protagonizadas polas persoas traballadoras da compañía do sector da automoción Aludec contra a precariedade laboral.
"Heroica resistencia"
No acto de recoñecemento, Lucía Freire, integrante da Executiva Confederal e da Comisión Nacional de Mulleres da CIG, salientou a "heroica resistencia" das traballadoras do SAF de Ponteareas que, partindo dunhas "condicións precarias e infravaloradas" a pesar da importancia das tarefas que realizan, sostiveron unha folga durante 68 días na defensa dos seus dereitos e por un servizo público decente, "confrontrando o menosprezo e a prepotencia da alcaldesa e do seu equipo de Goberno, os ataques nas redes sociais e a manipulación en medios para tentar deslixitimar a súa xusta loita".
"Foi un conflito protagonizado por un cadro de persoal feminizado e precarizado, que sostivo unha mobilización longa, visibilizou a realidade do SAF, activou vías institucionais e xurídicas, e obtivo resultados que melloran as condicións das traballadoras e as garantías do servizo que se presta ás persoas máis vulnerábeis", salientou.
"Unión e resistencia"
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puxo en valor estes conflitos polo que significan de "demostración da capacidade de organización e mobilización da central sindical no seu camiño cara a transformación da realidade e por un cambio de modelo" favorábel ás maiorías sociais, "facendo un sindicalismo útil para o pobo galego".
A respecto do 'Premio 10 de Marzo', salientou que a loita do persoal do transporte da Coruña evidenciou a "capacidade de resposta, unión e resistencia" do sector ante a "fronte común que representa a Xunta do PP e a patronal encabezada por Monbus". Carril confiou en que toda esta experiencia acumulada durante o conflito "ten que servir para conquistar mellores condicións na negociación do próximo convenio".


