Sobe o salario mínimo sen cumprir a Carta Social Europea: as claves do incremento do SMI

O salario mínimo alcanzará os 1.184 euros mensuais en 14 pagas, 50 euros máis que a contía fixada o pasado 2024. Este incremento, que se aplicará con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro deste ano, beneficiará unhas 127.000 persoas na Galiza.

Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez, esta segunda feira en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez, esta segunda feira, en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e os secretarios xerais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, asinaron esta segunda feira o acordo para a suba de 4,4% do salario mínimo interprofesional (SMI) no ano 2025, o cal alcanzará os 1.184 euros mensuais por 14 pagas, 50 euros máis que a contía fixada o pasado 2024.

Este incremento, que se aplicará con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro deste ano e que beneficiará unhas 127.000 persoas na Galiza, será aprobado esta terza feira, 11 de febreiro, no Consello de Ministros e Ministras.

A posición da patronal

A sinatura do aumento do salario mínimo interprofesional non contou coa participación das dúas principais organizacións da patronal do Estado español, CEOE e Cepyme, que propuxeron unha alza do salario mínimo de 3,4%, "insuficiente" tanto para o Ministerio de Traballo como para os sindicatos.

Con todo, outras organizacións empresariais, como é o caso da Unión de Profesionales e Traballadores Autónomos (UPTA),  amosáronse favorábeis ao incremento do SMI. "Desde UPTA dicimos si á suba do salario mínimo interprofesional. Difícil vivir con 1.184 euros en cidades como A Coruña ou Vigo, tal como está a carestía da vida, tal como está a vivenda, tal como están as diferenzas salariais, sobre todo entre o colectivo feminino e o masculino", sinalou o seu presidente, Eduardo Abad.

Así mesmo, indicou que se trata dun "si rotundo", pois esta nova cifra, 1.184 euros ao mes, non será un problema para as autónomas con asalariadas, que maioritariamente están pagando soldos por riba dos 1.250 euros.

A CIG insta o Ministerio a elevar o SMI a 1.320 euros

A CIG remitiu esta segunda feira ao Ministerio de Traballo as súas propostas a respecto do decreto de suba do SMI, nas que reclama ao Goberno español que cumpra coas recomendacións da Carta Social Europea (CSE) e que se estabeleza o salario mínimo en 1.320,04 euros, o que suporía 60% do salario medio estatal.

"Con esta contía o Estado español si se axustaría á legalidade dos tratados internacionais que ten ratificado", dixo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao tempo que lembrou que está pendente de resolverse a reclamación colectiva que a central sindical presentou ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) contra o Estado español por este motivo.

Aumentos por convenio

Os salarios pactados en convenio subiron de media 2,82% en xaneiro na Galiza, unha cifra lixeiramente inferior á rexistrada no conxunto do Estado español (+3,03%), segundo os datos publicados esta segunda feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

Comentarios