As horas roubadas

Son horas roubadas. Ao traballador ou traballadora que as ten que facer e non se lle remuneran, á caixa común da Seguridade Social, ás persoas no paro ás que se lles furta emprego cubríndoo a base desas horas extra que non se pagan, á familia e amizades da persoa asalariada que ten que ‘meter’ estas horas roubando tempo ao descanso ou desfrute. Na Galiza fanse máis de 26.000 horas extra cada día.

Oficinas-trabajo

3Na hostalaría, na construción, na banca, na industria, nos talleres, no xornalismo, no mar, no que se chama ‘economía colaborativa’ e na outra, no transporte, nos pequenos negocios de ámbito local ou comarcal e nas empresas punteiras e exportadoras. As horas ilegais [horas extraordinarias que non se remuneran] habelas, hainas. Na Galiza, aliás, nunha dimensión maior que na media do Estado español. Un problema que afecta o propio traballador ou traballadora mais non só. Tamén atinxe ao ‘común’ polo que teñen de fraude á Seguridade Social, ás persoas no desemprego, á seguridade e saúde laboral, á propia vida da contorna da persoa asalariada, etc...

“Hai cálculos de que na Galiza cada día se traballan unha media de 45.000 ou 50.000 horas extraordinarias e que por volta de 26.000 o traballador non as cobra”. Dío o técnico de emprego Pablo Varela. El propio estima que o desemprego na Galiza podería reducirse entre 8 e 10% se acabásemos coas horas ilegais e as extras as transformásemos en postos de traballo.

Porén, todos estes cálculos hai que collelos con cautela, algo no que fai moito fincapé Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras e veterano loitador sindical: “O número real de horas extra realizadas e non pagadas multiplica en moito o que recolle a EPA [Enquisa de Poboación Activa]. Todos e todas as que temos un mínimo de relación co mundo do traballo sabemos que hai sectores enteiros da economía, moi intensos en man de obra, cando menos na Galiza, onde a realización de horas extra é unha imposición previa para acceder ao traballo”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 315 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios