As horas roubadas

Son horas roubadas. Ao traballador ou traballadora que as ten que facer e non se lle remuneran, á caixa común da Seguridade Social, ás persoas no paro ás que se lles furta emprego cubríndoo a base desas horas extra que non se pagan, á familia e amizades da persoa asalariada que ten que ‘meter’ estas horas roubando tempo ao descanso ou desfrute. Na Galiza fanse máis de 26.000 horas extra cada día.

Na hostalaría, na construción, na banca, na industria, nos talleres, no xornalismo, no mar, no que se chama ‘economía colaborativa’ e na outra, no transporte, nos pequenos negocios de ámbito local ou comarcal e nas empresas punteiras e exportadoras. As horas ilegais [horas extraordinarias que non se remuneran] habelas, hainas. Na Galiza, aliás, nunha dimensión maior que na media do Estado español. Un problema que afecta o propio traballador ou traballadora mais non só. Tamén atinxe ao ‘común’ polo que teñen de fraude á Seguridade Social, ás persoas no desemprego, á seguridade e saúde laboral, á propia vida da contorna da persoa asalariada, etc...

 

“Hai cálculos de que na Galiza cada día se traballan unha media de 45.000 ou 50.000 horas extraordinarias e que por volta de 26.000 o traballador non as cobra”. Dío o técnico de emprego Pablo Varela. El propio estima que o desemprego na Galiza podería reducirse entre 8 e 10% se acabásemos coas horas ilegais e as extras as transformásemos en postos de traballo.

 

Porén, todos estes cálculos hai que collelos con cautela, algo no que fai moito fincapé Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras e veterano loitador sindical: “O número real de horas extra realizadas e non pagadas multiplica en moito o que recolle a EPA [Enquisa de Poboación Activa]. Todos e todas as que temos un mínimo de relación co mundo do traballo sabemos que hai sectores enteiros da economía, moi intensos en man de obra, cando menos na Galiza, onde a realización de horas extra é unha imposición previa para acceder ao traballo”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 315 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]