Xesús Anxo López Pintos

“O sistema quere meterlle medo á xente e que non proteste”

Ferrol acolle esta terza feira 29 de outubro unha manifestación en apoio a Xesús Anxo López Pintos. Horas antes fala para Sermos Galiza. Este sindicalista, xubilado desde hai tres anos, terá que responder ás acusacións da Fiscalía e dun policía por uns incidentes acontecidos en 2012 cando era co-secretario comarcal da CIG. O xuízo terá lugar os días 12, 13 e 14 de novembro.

Xesús Anxo López Pintos co seu pai  [Imaxe: Cedida]
photo_camera Xesús Anxo López Pintos, á dereita, co seu pai [Imaxe: Cedida]

Que lle pareceron as mostras de apoio?

Está a haber moita solidariedade, sobre todo por parte de compañeiras e compañeiros do meu sindicato. Logo de levar tres anos xubilado ver que me apoian é importante. Logo, a xente en xeral, alcaldes da comarca, mesmo algúns cos que tiven enfrontamentos políticos... e tamén a través das redes sociais me dan moitos azos. Anímame a min e á miña familia, que é a que está a sufrir en silencio.

Como vive o seu entorno esta situación?

Teño a meu pai que celebrou 90 anos hai un mes. Le a prensa todos os días e está preocupado e sempre me di 'como está o teu?'... Por outro lado levo moitos anos militando a nivel político e sindical e o meu entorno está afeito a verme padecendo ataques por parte dos poderes reaccionarios.

Teño antecedentes por un caso semellante a este, por dar a cara por unhas mariscadoras da Confraría de Mugardos, cunha condena en firme de nove meses e dous días de cadea que está suspendida. A Fiscalía pide agora que se teña en conta no caso, que se me condene un mínimo e pase a ingresar en prisión. A miña familia sábeo e ten medo. Non me gustaría entrar na cadea, mais se por esa causa teño que ir vou coa cabeza alta.

Non me gustaría entrar na cadea mais se por esa causa teño que ir vou coa cabeza alta

Hai sete anos dos feitos. Como lembra aquel día?

Cambioume a vida e a miña maneira de ser. Estas últimas semanas moveuse polas redes sociais como foi. Cos meus avogados visualizamos o vídeo que presentamos como proba e, a verdade, emocióname e dáme rabia a un tempo. Ver que todo aquilo que reivindicabamos hai sete anos, como era a carga de traballo para o naval, o apoio a Poligal que estaba en perigo, e hoxe en día xa está fechada,... Todo aquilo segue igual e mesmo se agudizou. O desmantelamento na comarca de Ferrol é case do 100% co caso de Endesa e as empresas auxiliares do naval, que están a fechar todas.

Nas últimas semanas temos multitude de casos con imaxes de protestas en varios lugares do Estado español e a resposta policial e xudicial. A situación foi a peor?

Os métodos de represión sobre a clase traballadora e sobre o que é o pobo son peores. A Lei Mordaza ten un efecto terrorífico e vémolo todos os días. Reclames o que reclames. A represión é terríbel e a xente ten medo. O sistema quere meterlle medo á xente e que non proteste. Tentan poñerme como exemplo do que non hai que facer, sempre en primeira liña e nin un paso atrás.

Como se presenta o xuízo?

Vexo que todo vai para atrás e o que queren facer comigo é un escarmento. Presentamos máis de 40 testemuñas e aceptaron só 3 de compañeiros que non estaban no sitio exacto onde fun detido e machacado e a outra xente si estaba. Pedimos revogación do tribunal e non o aceptaron. E ao policía que me acusa a min acéptanlle dez compañeiros que estaban con el, a dirixentes do PP e ao xefe da policía local de Ferrol daquel ano. Non se ven garantías e por este motivo é moi importante o respaldo que estou a ter da xente.

Comentarios