Sindicatos nacionalistas reclaman un SMI de cada territorio que mellore o español
A Confederación Intersindical Galega (CIG) xunto aos sindicatos de Euskal Herria ELA, LAB, Steilas, Etxalde e Hiru; a Intersindical Valenciana, a Intersindical Catalá, a canaria IAC e a balear Stei anunciaron esta terza feira, 27 de xaneiro, nunha comparecencia conxunta que presentarán unha iniciativa dirixida ao Goberno español para que cada territorio poida decidir o seu salario mínimo interprofesional (SMI), propio por tanto para cada comunidade autónoma, e que deberán ser sempre superiores ao estabelecido polo Estado en cómputo anual e mensual. Tal e como manifestaron na comparecencia conxunta os responsábeis sindicais, "cada ano que pasa é máis evidente a insuficiencia das contías nas que se fixa o salario mínimo interprofesional para afrontar xustamente o alto custo da vida".
As centrais sindicais solicitarán aos diferentes partidos políticos con representación no Congreso -a excepción do Partido Popular e Vox- e á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que poñan en marcha iniciativas lexislativas para modificar o artigo 27 do Estatuto das persoas traballadoras. As centrais sindicais nacionalistas entregarán unha proposta concreta de articulado. Unha iniciativa que chega nun contexto no que se deberá debater sobre a modificación do citado artigo como consecuencia da directiva (UE) 2022/2041.
Desde a CIG "levan anos" reivindicándolle ao Estado español "que cumpra co estabelecido na Carta Social Europea (CSE), que recomenda que o SMI debe ser, cando menos, o 60% do salario medio", sinala o sindicato. No ano 2024, segundo os datos que proporciona a Axencia Tributaria, o salario medio no Estado foi de 32.078 euros/ano, polo que a central sindical galega demanda "subir a contía do SMI até os 1.375 euros mensuais (19.247 brutos anuais) para este 2026".
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que "o incumprimento reiterado" das recomendacións da CSE levaron a CIG a presentar unha "reclamación colectiva contra o Estado español, que está pendente de resolver por parte do Comité Europeo de Dereitos Sociais". Carril tamén criticou que, "un ano máis", o Goberno español "incumpre" a súa obriga "de consulta ás centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas, como a CIG, á hora de negociar e pactar a contía do SMI". A este respecto, denunciou o uso permanente do diálogo social e "afeoulle" ao Ministerio de Traballo "estar máis preocupado por buscar a patronal para chegar a un acordo que por cumprir coa CSE ou atender a iniciativa dos sindicatos nacionalistas, da que xa é coñecedor", sinala Carril. "Buscamos un cambio radical nas políticas públicas do Estado español que supere o modelo neoliberal e a obsesión do chamado mercado único español, que uniformiza as desigualdades económicas e sociais para todos os territorios", declararon desde a CIG.
"Ferramenta para coñecer a pobreza"
"O SMI é unha ferramenta en favor da cohesión social e para facer fronte á pobreza. Con todo, o Estado impón un SMI único que non se adapta ás necesidades nin á vontade das nacións vasca, galega e catalá", sinalan desde os sindicatos. Lamentan que "a regulación laboral española provoque un crecente empobrecemento".
