Os sindicatos advirten á Xunta sobre os efectos da parálise de Endesa
“Ao suspenderse o transporte de carbón, Endesa vai reducir os contratos con empresas auxiliares. Isto supón unha ameaza directa a centos de postos de traballo”, avisaron, “a compañía está a eliminar custos malia se tratar dun paro temporal”.
A reunión cos altos cargos da xunta realizouse a petición da representación dos traballadores e traballadoras. Esta esixiu da Xunta que se vexa coa dirección da compañía e que ás xuntanzas asistan os tres sindicatos “para reclamar que paralice calquera medida contra o emprego”.
CIG, Comisións e UGT tamén queren que o Goberno galego fale co Ministerio de Transición Ecolóxica, dirixido por Teresa Ribera. Para as centrais sindicais, cómpre modificar o chamado céntimo verde e que “haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión”.
A terceira xestión que piden á Xunta consiste en verse co comisario europeo de enerxía, Miguel Arias Cañete, para que actúe sobre o mercado de emisións de CO2 “no sentido de aplicar os mecanismos previstos de estabilización de prezos do mercado, xa que nos dous últimos anos esa bolsa especulativa medrou un 500%”.