Sindicatos advirten de "precariedade" e avogan por traballar para un emprego "con estabilidade" e "de calidade"

Un camareiro durante a súa xornada laboral. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A Seguridade Social gañou unha media de 7.844 persoas cotizantes en xuño con respecto ao mes anterior (+0,72%), de modo que situou, na Galiza, en 1.102.651 afiliadas, segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A CIG destacou que os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de xuño e coñecidos esta cuarta feira mostran un mercado laboral "cada vez máis precario e dependente do sector servizos".

Respecto diso, a central sindical nacionalista advertiu de que a hostalaría rexistra unha de cada tres altas na Seguridade Social, mentres que o sector do comercio supón unha de cada catro novas afiliacións.

Pola súa parte, con respecto aos datos de xuño, UXT avisou de que "non se pode caer na autocompracencia" xa que "aínda hai demasiadas persoas que queren traballar e non poden facelo".

"Seguiremos traballando para que o emprego non só creza, senón que o faga con estabilidade, con salarios dignos e con oportunidades reais para todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás", engadiu o sindicato.

Noutro comunicado de prensa, CCOO alertou de que o desemprego caeu na Galiza durante o mes de xuño "mais seis de cada 10 contratos seguen sendo temporais".

Neste escenario, reclamou emprego "de calidade" tras unha mellora estacional do mercado laboral. "Son necesarias políticas sectoriais para diversificar actividade e consolidar a creación de emprego", indicou.

Datos de xuño

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 4.387 persoas en xuño na Galiza en relación co mes anterior (-3,93%), até situar o total en 107.254 persoas desempregadas, segundo os datos que publica esta cuarta feira o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Por outra parte, a Seguridade Social gañou unha media de 7.844 persoas cotizantes en xuño con respecto ao mes anterior (+0,72%), de modo que situou, na Galiza, en 1.102.651 afiliadas, segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

Son 17.780 persoas máis dadas de alta na Seguridade Social, o que representa un aumento do 1,64%. Por réximes, as cotizantes galegas repártense entre o xeral, con 879.662 afiliadas, 205.113 que son autónomos e 17.875 traballadores do mar.