1,3 millóns de persoas chegan con dificultades económicas a fin de mes

O cambio dos hábitos de consumo implicou o aumento de fogares que puideron chegar fácilmente a final de mes, pero á custa de reducir gastos case imprescindíbeis.

Moedas e billetes en euros. (Foto: Europa Press)
Moedas e billetes en euros. (Foto: Europa Press)

As cifras achegadas onte pola Enquisa Conxuntural a Fogares elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que 545.000 fogares, que significan 49,4% do total e suman 1,3 millóns de persoas, chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes. 
Dentro deste grupo, o relatorio concreta que 43,2% das familias galegas, que agrupan unha poboación de 1,1 millóns, recoñecen que chegan con dificultade a finais de mes.
O informe do IGE traza unha situación aínda máis complexa para 6,2% dos fogares, onde residen perto de 164.162 persoas. Neste caso, recoñecen rematar o mes "con moita dificultade", véndose obrigadas a botar man de ingresos procedentes de fóra da unidade familiar para afrontar os seus gastos básicos. A este grupo pertencen, maiormente, persoas asalariadas ou perceptoras de pensións públicas.
A análise da estrutura de rendas dos fogares ofrece unha visión máis precisa da situación. Neste sentido, 82,2% das familias cuns ingresos de até 1.000 euros mensuais aseguran chegar con  dificultade ou moita dificultade a fin de mes.
Ao tempo, 70,1% dos fogares cunha renda de entre 1.000 e 1.500 euros mensuais afirman chegar  con dificultade ou moita dificultade a fin de mes. 
Na mesma liña, 61,7% das familias con ingresos de entre 1.500 e 2.000 euros mensuais declarar chegar con dificultade ou moita dificultade. Pola contra, só 30,9% dos fogares con ingresos de máis de 2.000 euros mensuais chegan con dificultade ou moita dificultade.

Os recortes nas familias
As dificultades económicas obrigaron as familias galegas a adoptar determinadas medidas de axuste no segundo trimestre de 2025. Segundo o IGE,  até 29,2% dos fogares galegos víronse obrigados a mudar os seus hábitos de compra, optando por marcas brancas ou produtos de menor prezo. Na mesma dirección, 13,2%  das unidades familiares reduciron determinados gastos comúns, como roupa, calzado, gas ou electricidade. Por último, 5,1% dos fogares solicitaron axuda económica de amizades ou familiares para facer fronte ás necesidades máis inmediatas.
A situación económica limitou a capacidade de aforro das familias galegas. Así, só 40,3% dos fogares, que representan unha poboación de máis de un millón de persoas, puideron dedicar algo de diñeiro ao aforro. Ao tempo, os recortes nos gastos correntes incidiron na calidade de vida das persoas, até o punto de que 706.965 galegos e galegas víronse obrigadas no segundo trimestre de 2025 a renunciar a saír a cear fóra ou a acudir ao cinema ou o teatro.
A preocupación pola situación económica nótase entre a cidadanía galega. Segundo as cifras achegadas pola Enquisa Estrutural de Fogares, o índice de confianza do consumidor (ICC) marcou -12,2 puntos para o segundo trimestre deste ano, fixando un resultado negativo para un  indicador que estabelece cero como número neutral, -100 como valor negativo máximo e +100 como o mellor resultado positivo.

Confianza
A confianza dos consumidores e das consumidoras diminuíu en función da renda. Así, nos fogares con ingresos inferiores a 600 euros ao mes o ICC foi de -31,7; nos de ingresos entre 600 e 1.000 euros mensuais foi de -24,9; nas familias  que ingresaron de 1.000 a 1.500 euros por mes o ICC foi de -24,2;  no grupo que vai de  1.500 a 2.000 euros ao mes situouse en -17,5; mentres que nos fogares con ingresos entre 2.000 e 3.000 euros ao mes foi de -6,2;e no grupo con ingresos superiores aos 3.000 euros ao mes foi de +3. 
A tipoloxía do fogar debuxa unha confianza do consumidor diferente, en tanto que define unha distribución da renda distinta. Neste sentido, sitúase en -20,6 naquelas fogares unipersoais; en -7,9 nos conformados por parellas con fillos; en -10,3 nos integrados por parellas sen fillos; en -10 nos fogares monoparentais, e en -12,2 naquelas familias noutra situación.

Comentarios