Silicose: unha herdanza envelenada
O último informe do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo atribuía a Galiza o 39% dos casos detectados en todo o Estado no ano 2012, maioritariamente no sector da lousa e as canteiras de granito espalladas polas comarcas de Ourense e Pontevedra con tradición nestes oficios. Hoxe, a lexislación e as medidas de prevención son mellores que as de hai uns anos, mais aínda hai riscos nalgunhas actividades e persisten eivas en materia de seguridade social. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 249.
No último informe do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, o seu autor, Manuel Gil Fernández, xefe do equipo técnico de Medicina Laboral do Centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral –ISSGA- de Pontevedra, define a silicose como “o paradigma das enfermidades producidas polo traballo”. A inhalación prolongada da sílice –o maior compoñente da codia terrestre- foi ao longo do século XX, coa expansión da minaría, a causa da enfermidade de centos de traballadores galegos que desenvolvían a súa actividade sen protección de ningún tipo ou, no mellor dos casos, sen a protección axeitada.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 249 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]