xoves 26/11/20

As cinco receitas das autónomas para adaptar a cotización aos ingresos reais

Após os avances do Pacto de Toledo para a reforma das pensións, a Asociación de Traballadores e Traballadoras Autónomas (ATA) propón unha serie de medidas encamiñadas a adecuar aos ingresos reais do colectivo as súas cotizacións, o que podería supor mesmo un aumento da recadación. 
O presidente de ATA, Lorenzo Amor, xunto ao ministro Escrivá (Óscar J. Barroso / Europa Press).
O presidente de ATA, Lorenzo Amor, xunto ao ministro Escrivá (Óscar J. Barroso / Europa Press).

A Asociación de Traballadores e Traballadoras Autónomas (ATA) vén de presentar unha serie de medidas encamiñadas a adecuar as bases de cotización aos ingresos reais, tal e como recomenda o Pacto de Toledo. 

Segundo o presidente estatal de ATA, Lorenzo Amor, "seguindo estas recomendacións e aplicando estas propostas poderíanse mellorar as cotizacións e aumentar a recadación sen necesidade de subir a cotización a moitas autónomas que estes momentos teñen unha situación económica de asfixia". As medidas propostas serían:

1. Adecuación voluntaria da base de cotización para as persoas maiores de 48 anos

A primeira das medidas consistiría en permitir que os traballadores e traballadoras autónomas maiores de 48 anos poidan adecuar de forma voluntaria a súa cotización aos seus ingresos, mesmo cotizando por unha base superior aos 2.077 euros/mes que se lles permite actualmente.

Como explica a Nós Diario o responsábel de ATA Galiza, Rafael Granados, a proposta beneficiaría preto de cen mil persoas na Galiza, onde a idade media deste colectivo é "bastante alta". Con todo, apunta que vai dirixida unicamente a aquelas que cotizan por estimación directa.

2. Posibilidade de deducir como gasto a cota no caso das autónomas societarias 

Propón que as persoas autónomas societarias poidan deducir como gasto de empresa, do mesmo modo que fan coas cotizacións do persoal que teñen ao seu cargo, a súa cotización á Seguridade Social. Desde ATA aseguran que 60% deste colectivo estaría disposto a elevar a súa cotización mensual se a dedución fose posíbel, o que levaría a aumentar a recadación.

A Seguridade Social non facilita o dato exacto do número de autónomos societarios nas súas estatísticas, mais Granados calcula que na Galiza poderían ser "entre 55.000 e 60.000" as persoas que chegarían a beneficiarse desta medida. 

3. Aportacións á marxe da cota ordinaria

Desde ATA tamén reclaman que se poidan permitir achegas ao longo do ano, independentemente da cota mensual que paga cada autónomo, que permitan mellorar a súa contributividade e as súas prestacións. Estas achegas extraordinarias poderíanse facer no momento en que o traballador ou a traballadora autónoma teña liquidez ou disposición financeira.

"Un dos grandes problemas á hora de cotizar polos ingresos reais é que son estimacións derivadas da declaración do ano anterior", explica Granados. "Con esta medida, se a estimación se vise superada a finais de ano cos datos reais, presentaríamos unha declaración voluntaria para equiparalos", indica. 

4. Modificación da base até seis veces no exercicio

Na actualidade, o colectivo de traballadores e traballadoras por conta propia poden variar a base de cotización catro veces no exercicio. ATA propón elevar esta cifra até as seis. É un trámite sinxelo. Basta con notificar a modificación á Seguridade Social cun mes de antelación. 

A medida está pensada para aqueles negocios de alta temporalidade, con períodos onde a súa facturación pode verse incrementada ou reducida de modo moi notábel, por exemplo nas campañas de verán ou de Nadal no sector comercio. 

"Para non ter que facer esa achega voluntaria ou para evitar que se incrementase de maneira brusca ao ano seguinte, o que faríamos, en función dos ingresos que estamos a ter nesas épocas, sería subir a base de cotización, e baixala ou mantela nos meses de menos facturación", sinala o responsábel de ATA Galiza.

5. Redución con ingresos netos por baixo do SMI

A derradeira das medidas iría encamiñada a reducir a cotización ás traballadoras autónomas cuxos rendementos netos no último ano estean por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (950 euros mensuais).

ATA suxire reducir 50% a cota mínima para aqueles traballadores e traballadoras autónomas cuxos rendementos netos non cheguen ao SMI, e 75% da cota mínima para aquelas cuxos rendementos netos non cheguen a 50% do SMI.

Burbulla de afiliacións

Por outra banda, Rafael Granados sinala que os datos do ministro Escrivá sobre emprego no colectivo "son ficticios". "Estamos nunha burbulla. A prestación por cese de actividade fai que as autónomas que o están a pasar mal ou que economicamente non lles é viábel abrir o seu negocio seguen dados de alta, polo que as baixas están paralizadas", argumenta o responsábel de ATA Galiza, quen apunta que as afiliacións son menos da metade das que adoitan ser normalmente

Son datos que non falan da realidade da rúa, senón da necesidade deste colectivo para facer fronte aos seus gastos de manter a actividade mesmo con perdas. "Se fechan esa vía non teñen outra fonte de ingresos", advirte.

Denuncia que as axudas "estanse a quedar cortas", e a situación pode ser peor a partir do 31 de xaneiro, cando remata o prazo das prestacións por cese, que esixe ampliar para adecualo cando menos ao novo decreto de estado de alarma, que vence o 9 de maio.

comentarios