Axenda das manifestacións deste 1M

Un Primeiro de Maio contra as reformas neoliberais

É 1 de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e máis un ano, percorrerán as rúas das principais cidades e vilas do país as mobilizacións convocadas polos sindicatos. A CIG levará a súa manifestación principal a Vigo, como tamén farán a CUT, a CGT, o STEG e outras organizacións, mentres que UGT e CCOO elixen A Coruña para a súa marcha central.

[Imaxe: GZ Foto] 1 de Maio de 2016
photo_camera [Imaxe: GZ Foto] 1 de Maio de 2016

As rúas de Vigo acollerán ás 12h a manifestación principal da CIG, que contará co secretario xeral do sindicato, Suso Seixo. Con saída do cruce da Dobrada, a mobilización terá lugar baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”.

Así, no marco da campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais “roubados coa escusa da crise” e da derrogación das “sucesivas reformas antiobreiras”, o sindicato nacionalista seguirá a denunciar nas rúas as políticas do PP e do PSOE, que “tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria, etc”.

No citado contexto de recortes, a CIG advirte de que a pobreza está relacionada “co traballo precario, cos contratos parciais, cos máis de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por desemprego e co 32% de traballadoras e traballadores que teñen un salario inferior ao SMI: 707 euros ao mes”. Tamén alerta da emigración, á que se viron abocados 130 mil galegas e galegos.

Alén da mobilización de Vigo, a CIG convoca manifestacións en Pontevedra (praza da Ferraría, ás 11.30h); na Coruña (praza de Vigo, ás 12h); Ribeira (praza do Peixe, ás 12h); Ferrol (avenida de Esteiro, ás 12h); Lugo (ronda da Muralla, ás 12h); Burela (A. Pardiñas, ás 12h); Vilagarcía (Casa do Mar, ás 12h); A Estrada (praza do Mercado, ás 12h); Cee (praza do Concello ás 12.30h), Santiago (praza Roxa, ás 12.30h); Ourense (pavillón dos Remedios, ás 12.30h) e Cangas (praza do concello, ás 19h).

UGT e CCOO

A manifestación central de UGT e CCOO, que saen á rúa de maneira conxunta, terá lugar na Coruña, cidade en que as dúas organizacións reclamarán “empregos estábeis” e “salarios xustos” baixo o lema “Non hai escusas”. A mobilización partirá ás 12h da praza da Palloza. O resto de cidades tamén acollerán marchas destes sindicatos ás 12h, agás Lugo, que o fará ás 12.30h e Vigo, ás 11.30h.

José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión chaman a saír ás rúas ante “as mensaxes triunfalistas” sobre unha mellora da economía en que “a meirande parte da cidadanía está a ser unha mera espectadora”.

Neste contexto, UGT e CCOO reclaman a derrogación das reformas laborais e do sistema de pensións; a posta en marcha dun plan de choque polo emprego e “devolver o equilibro de forzas” na negociación colectiva, entre outras reivindicacións.

CUT, STEG, CGT, SAGAP, SE e SF Internacional

Ao igual que no caso da CIG, a CUT, STEG, CGT, SAGAP, SE e SF Internacional elixiron Vigo para realizar a súa mobilización conxunta baixo o lema “Pan, traballo, teito e igualdade”, que partirá ás 11h da praza Fernando O Católico e rematará na praza do Rei, onde varios colectivos levan semanas acampados para reclamar políticas de loita contra a pobreza.

Desta maneira, estes sindicatos amosarán a súa “solidariedade e apoio aos compañeiros que levan máis de dous meses acampados, soportando a indiferenza do Goberno municipal, que se nega a recibilos”.

Segundo informa a CUT, o resto de manifestacións terán lugar en Ourense (Ponte Romana, ás 12h); Compostela (Porta do Camiño, ás 12.30h); A Coruña (Praza de Pontevedra ás 12.30h) e Cangas (Alameda, ás 18h).

Os partidos políticos

A respeito da participación das forzas políticas nas manifestacións do Primeiro de Maio, En Marea acordou no Consello do sábado dar “liberdade aos inscritos para elixir a cal queren sumarse”, dado a “coincidencia xeneralizada dos obxectivos”, con independencia do seu convocante”. Os cargos de IU anunciaron a súa participación nas mobilizacións de UGT e CCOO, mentres que os de Anova anunciaron a súa presenza nas da CIG. 

Os representantes do PSOE, como vén sendo habitual, participarán nas mobilizacións de CCOO e UGT, mentres que o BNG fará o propio nas manifestacións da CIG.

Comentarios