Traballadoras temporais de Política Social advirten da precariedade: "Temos que aceptar contratos de dúas horas"

Unha usuaria ás portas da residencia pública Porta do Camiño de Compostela (Foto: Arxina).
"É imposíbel vivir cun mínimo de dignidade cos ingresos que xera un contrato de dúas horas por xornada, son moi inferiores ao salario mínimo interprofesional e incluso á Risga", lamentan, nun escrito dirixido á Valedora do Pobo.

Un grupo de traballadoras e traballadores da Administración pública pertencentes á categoría de técnicos auxiliares de enfermaría (TCAE) vén de remitir un escrito á Valedora do Pobo para reivindicar os seus "dereitos" sobre as listas de contratación.

Estas persoas, que forman parte das listas de contratación para a cobertura temporal de postos nos centros dependentes da Consellaría de Política Social, denuncian que o sistema é "inxusto", está "desfasado" e incorre en "irregularidades".

"Estanse a utilizar contratos de fin de semana, de media xornada ou de calquera contrato inferior a xornada completa e, de ser requiridos por citación electrónica ou por teléfono para cubrir estas vacantes, estamos obrigadas e obrigados a aceptalos, pois, de non facelo, aplícasenos unha penalización brutal: suspensión de seis meses sen ningunha oferta de traballo neste sistema de listas", censuran.

Tamén se aplica ese "castigo" de seis meses "se se rexeita o contrato que ofertan por estar traballando noutro centro privado ou público, como o Sergas", e mesmo "por non poder aceptar o contrato estando cunha incapacidade temporal ou enfermos, xa que o xustificante médico non lles vale", lamentan.

Sobre as condicións dos contratos, sinalan: "É imposíbel vivir cun mínimo de dignidade cos ingresos que xera un contrato de dúas horas por xornada, unhas 3,5 horas cada xornada durante dous días á semana... Son ingresos moi inferiores ao salario mínimo interprofesional e incluso á Risga, como é o caso dun contrato de dúas horas ao día".

No caso de se ofertaren estes contratos, as e os traballadores piden que a súa aceptación sexa "libre e voluntaria", con base nas "circunstancias e necesidades persoais de cadaquén".

A resposta da Consellaría ás súas reclamacións, aseguran, "no canto de mellorar as condicións laborais e humanas ameazan con contratar persoal non cualificado, menos preparado e máis barato, como anunciaron estes días baixo o pretexto da escaseza de traballadores nas listas". Moitas destas persoas, afirman, "están en suspensión voluntaria de chamamento a causa dos contratos lixo ofertados, e outras penalizadas por rexeitaren estes contratos de até dúas horas por xornada".

"É un clamor entre nós a sospeita de que, presuntamente, en moitos centros existe un sistema ilegal de listas paralelas de contratación a cargo dos xefes e xefas de persoal nas que se favorece certas traballadoras e traballadores", engaden.