A poboación galega menor de 36 anos cobra menos agora que hai 12 anos

As persoas novas, en especial as que traballan como asalariadas na hostalaría, son as que cobra os salarios máis baixos (Foto: Arxina).
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou hoxe o estudo de salarios baseado nas fontes tributarias e correspondente a 2019, no que destaca a perda de ingresos entre a xente nova e a progresiva redución da fenda salarial entre homes e mulleres, aínda acusada.

Antes de que a pandemia do coronavirus fixese acto de aparición, a economía galega loitaba por superar a crise de 2008. Segundo recolle o IGE no seu informe, baseado nas estatísticas da Axencia Tributaria, o pasado ano o salario medio anual na Galiza (19.879 euros) xa era o máis alto da serie histórica. O aumento rexistrado en 2019, o quinto consecutivo, foi de 3,8%, en liña co do Estado español, sensibelmente superior (20.566 euros de media). 

O primeiro aspecto que chama a atención sobre os salarios son as diferenzas por sexo. No caso da Galiza, a variación entre o salario medio anual dos homes e das mulleres ascendeu a 4.527 euros no exercicio pasado, lonxe dos 5.076 euros que chegou a marcar en 2008. Porén, o IGE resalta que o salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media estatal que no caso dos homes (17.511 euros na Galiza fronte 17.927 de media no Estado español).

A banca gaña

Por sectores, o maior salario medio rexístrase no das entidades financeiras e aseguradoras (34.932 euros), e o menor en "outros servizos persoais e de ocio" (9.967 euros). Con respecto a 2018, todos os sectores tiveron crecemento, salvo agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, que rexistra un incremento do número de persoas asalariadas (pasa de 24.521 en 2018 a 25.250 en 2019) superior ao incremento do salario total do sector, que pasa de 15.991 euros en 2018 a 15.792 en 2019. Os maiores crecementos rexístranse nos servizos sociais (5,5%) e no sector da construción e actividades inmobiliarias (4,6%).

As maiores variacións co Estado español prodúcense nos sectores de información e comunicacións (31.801 euros de media no Estado fronte 25.112 na Galiza) e no sector financeiro e asegurador, onde a diferencia entre territorios rolda os 9.000 euros.

Cuestión de idade

O informe do IGE sinala tamén que a poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación con máis de 55 anos supera a media española nun punto porcentual. En contraste, a xente nova (menores de 36 anos) teñen máis peso no Estado español que na Galiza, 32% fronte a 28%.

Este grupo de poboación, a  xente menor de 36 anos, presenta ademais unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional, xa que, pese a representar 28% da poboación asalariada na Galiza, só recibe 19% da masa salarial. No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera a de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorábel (26% das persoas asalariadas absorben 31% da masa salarial).

Con todo, a distribución deses salarios é máis equitativa na Galiza que no conxunto do Estado español. No caso dos salarios máis baixos, na Galiza hai 34% da poboación asalariada que percibe 10% da masa salarial (fronte 38% no Estad0) e 75% absorbe 47% dos salarios, cando en España 73% do colectivo asalariado leva 41% da masa salarial. 

No das rendas salariais máis elevadas, na Galiza 10% das persoas asalariadas reciben 30% da masa salarial, en troques no Estado español 13% recibe 36% dos salarios totais.

Menos ingresos que antes da crise de 2008

En relación a evolución nos últimos anos, o informe do IGE resalta que, por idade, todos os colectivos teñen un salario medio en 2019 superior ao que  rexistraban en 2008, excepto o grupo de 18 a 25 anos, cuxo salario medio diminuíu 16% (de 8.654 euros de media en 2008 até 7.294 o pasado exercicio). No grupo de 26 a 35 anos o salario das mulleres en 2019 é 6,3% superior ao de 2008, porén no caso dos homes o salario medio tamén é inferior ao rexistrado en 2008. Nesta franxa de idade cobrouse de media 15.678 euros; 20.715 na de 36 a 46; 23.393 euros na de 46 a 55 anos, e 24.832 euros no colectivo de 56 a 65 anos.