Piden aos servizos de emprego que ingresen ao persoal das orquestras as prestacións dos ERTE

Os 3.500 traballadores e traballadoras do sector na Galiza vense afectadas por unha problemática que os deixa “en desamparo”: o SEPE está a denegar os ERTE e obrígaos a devolver os cartos que percibiron xa que moitos deles estaban dados de baixa cando se decretou o estado de alarma.

orquestra verbena festa paris de noia

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT reclámanlle ao Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) que lle abone as prestacións por desemprego derivadas dos ERTE a todo o persoal das orquestras dende a data de entrada en vigor do estado de alarma.

O sector das orquestras na Galiza implica por volta de 3.500 traballadoras e traballadores, entre artistas e persoal técnico. As centrais informan que estas persoas “están a verse afectadas por unha problemática que os deixa “en situación de desamparo”: o SEPE está a denegar os ERTE e obrígaas a devolver os cartos que percibiron xa que moitas delas estaban dadas de baixa cando se decretou o estado de alarma”.

Representantes sindicais e asociacións empresariais mantiveron esta quinta feira unha xuntanza co xefe da Inspección en Galiza, que xa informou que lle trasladará a petición ao Ministerio de Traballo.

“As centrais sindicais demandamos tanto as prestacións derivadas dos ERTE como subsidiariamente as de desemprego dende o 14 de marzo, tanto a artistas como a persoal técnico auxiliar”, explica o responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez.

Ao mesmo tempo, solicítanlle ás empresas a transformación dos contratos temporais -maioritarios no sector- en fixos-discontinuos unha vez que se retome a actividade normal. Con excepción dende o 1 de xuño até o 30 de setembro, onde a contratación deberá ser continuada.

Tamén as instaron a comprometerse a manter, unha vez se reinicie a actividade, o mesmo nivel de emprego que tiñan antes da entrada en vigor do estado de alarma.

Comentarios