O persoal da automoción alerta da precariedade do sector e pide unha aposta na formación

Persoal do sector da automoción na concentración perante o Parlamento

Persoal do sector da automoción galego manifestouse perante o Parlamento de Galiza en protesta contra a precaridade e desactualización do sector. Demandan que o goberno invista na formación dunha industria automobilística 4.0 e unha tarifa eléctrica galega para que cesen os despedimentos no sector. 

 

 

Compostela acolleu esta quinta feira 21 de febreiro unha concentración de persoal do sector da automoción galega perante o Parlamento en demanda de melloras na formación para obter así un aumento da produtividade e competitividade.

 

Francisco González Sío, responsábel de negociación colectiva da CIG, en declaracións a Sermos Galiza, explicou que o persoal con contratos eventuais está comenzando a non ver renovados os seus contratos e mesmo se está a sufrir algún ERE. 

 

As súas demandas céntranse na adaptación á Lei de transición ecolóxica, que supón a fin dos motores de combustión diésel a prol de eléctricos e híbridos. O sector de automóbil na Galiza está principalmente dirixido á fabricación de automóbiles de baixo custe e automóbiles de empresa, que contan maioritariamente con motores diésel, polo que persoal de Citroen e outras empresas estase a ver afectadas por esta renovación dos métodos de traballo. 

 

"Vémonos nunha tesitura onde se está a apostando por motores eléctricos e híbridos e nós estamos a quedar atrás, sobre todo as empresas de compoñentes", di González Sío. "En vista a que, con esta nova lei, quéresenos levar á realidade do norte de Europa, tamén deberian enfocar a industria galega nese camiño", conta.

 

Denuncian que a Xunta e o goberno español "non están a facer nada" e que a súa forma de produción está a quedar atrasada, "que a Xunta deixe de facer actos falando do futuro da industrialización e comece a invesitr para formar as persoas", afirma González. 

 

Igualmente, pediron unha tarifa eléctrica galega, xa que din que a galega é a segunda máis cara de Europa e que " Galiza, como país produtor de enerxía ten un ben que debería estar ao servizo do pobo. Non pode ser algo que vaia en detrimento dos postos de traballo" e a derrogación reforma das pensións, xa que a xubilización parcial por contrato de relevo dificulta a relevación do persoal de oficina e subcontratas, "pois só se releva a man de obra intensiva e os postos que requiren un gran esforzo fisico". 

 

A solución pasa, para eles, por unha "aposta firme na formación na industria 4.0". Sistemas como o agv ou as cámaras de visión artificial son instaladas por empresas foráneas. "Se xa imos perder postos de traballo porque as empresas precisan menos man de obra, o que precisamos é que a Administarción faga que esas novas actividades queden aquí, para que o persoal máis cualificado non marche",  sentenza Francisco González Sío.