O persoal de Nueva Pescanova denuncia que a proposta de convenio “roza o terrorismo patronal”

Trasladan á Inspección de Traballo “a mala fe negociadora da empresa” e advirten que non aceptarán a “rebaixa brutal” de condicións laborais que pretende a dirección.

pescanova convenio
photo_camera Asemblea do persoal de Nueva Pescanova (Foto: CIG)

Unha multitudinaria asemblea de traballadores e traballadoras de Nueva Pescanova rexeitou a proposta de convenio colectivo da empresa, unha proposta que consideran “roza o terrorismo patronal”. O acto serviu para amosar a unidade do persoal fronte os intentos da dirección para impoñer un texto que, segundo argumentan, supón “unha rebaixa brutal” das súas condicións laborais.

As 400 persoas presentes na asemblea, convocada polos sindicatos CIG, CUT, UGT e USO este pasado sábado no Multiusos da Xunqueira en Redondela, decidiron trasladar “a mala fe negociadora da empresa” á Inspección de Traballo. Criticaron así a actitude da dirección de Nueva Pescanova, que rexeitou todas propostas dos representantes do persoal co obxectivo de introducir rebaixas salariais e aumentos da xornada.

“Teñen que ter moi claro que deben de respectar o actual convenio, senón non haberá paz social”, apunta Dores Martínez, secretaria da FGAMT-CIG.

Polo momento, segundo informa a CIG en nota de prensa, se descartou a posibilidade de convocar mobilizacións á espera dun cambio de rumbo das negociacións. Como primeiras medidas acordaron non facer as horas extraordinarias dos sábados e todas aquelas “que se poidan impoñer”. As centrais que promoveron a asemblea salientaron o éxito de asistencia e a “unidade” do persoal fronte o “ataque” da empresa.

“Teñen que ter moi claro que deben de respectar o actual convenio, senón non haberá paz social”, apuntou a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, que rexeitou calquera acordo que “sirva para abaratar os soldos das futuras contratacións”. Martínez considera que as propostas da empresa “rozan o terrorismo patronal” e advertiu que a asemblea “marca un antes e un despois: se a dirección non entende a mensaxe haberá que tomar as medidas de presión que sexan necesarias”. 

O último día de xaneiro manterán unha nova reunión coa dirección que determinarán as seguintes accións. En caso de non dar marcha atrás, as centrais sindicais advirten que adoptaran novas medidas de presión, entre elas concentracións nalgúns dos seus principais clientes, como Mercadona, ou nas empresas de traballo temporal que “posibilitan a competencia desleal durante as folgas”.

Comentarios