domingo 24/01/21

O persoal de Freire que facía a liña Santiago-aeroporto-Santiago non será subrogado

O persoal, que nalgún caso leva máis de 20 anos neste servizo, "atópase dun día para outro na rúa", denuncia o sindicato CIG

Autobús da compañía Freire que cubría a ruta entre Compostela e o aeroporto Rosalía de Castro (Foto: Xoán Roberes).
Autobús da compañía Freire que cubría a ruta entre Compostela e o aeroporto Rosalía de Castro (Foto: Xoán Roberes).

Tralusa vén de confirmar ao persoal de Freire que facía a liña Santiago-aeroporto-Santiago que non será subrogado, segundo informa a CIG. O sindicato nacionalista responsabiliza directamente o goberno municipal compostelán por non ter previsto esta situación “malia saber, desde hai meses, que a concesión da Xunta remataba o día 22 de decembro e que esta liña, en concreto, pasaba a ser asumida polo concello”. Denuncia ademais que non se contou “en ningún momento co persoal que prestaba o servizo nesa liña, nalgún caso, desde hai máis de 20 anos”.

Segundo explica o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, "hai anos que se sabía que esta liña, Santiago-Aeroporto-Santiago, tiña que ser xestionada polo transporte urbano" e "hai meses que se sabía tamén que o 22 de decembro remataban as concesións da Xunta". Por iso denuncia que "non se fixo nada, ou máis ben non se comunicou nada a mantenta".

Considera que isto "leva tempo fraguándose" e afirma que "só se comunica desta maneira para non dar opción".

Entende que se fixo o día 21 e sen información algunha, deixando sen marxe ao persoal, que se atopa, dun día para outro, na rúa. Ao seu entender, "o lóxico tería sido colocar enriba da mesa as opcións no mes de setembro e buscar aquela que fora máis favorábel, tendo en conta que a responsabilidade de non ter sacado a concurso o transporte urbano, caducado desde 2015, é unicamente do Concello de Santiago. E que os traballadores estaban nunha lista de subrogación que o concello coñecía pois a pediu a principios de ano".

comentarios