Persoal do sector dos coidados acusa Fabiola García de "mirar para outro lado" mentres "se perpetúa a súa precariedade laboral"

Nunha nova xornada de folga do sector, a CIG responsabiliza a patronal e a conselleira de Política Social, Fabiola García, do bloqueo nas conversas na negociación do convenio colectivo e anuncia unha nova escalada de mobilizacións.

Mobilización de persoal do sector dos coidados, este 23 de outubro en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Mobilización de persoal do sector dos coidados, este 23 de outubro en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Traballadoras do SAF e de residencias de maiores e centros de día, convocadas pola CIG, mobilizáronse esta quinta feira para denunciar o "estancamento" das negociacións do convenio colectivo e a "falta de implicación" da Consellaría de Política Social.

A mobilización, que coincidiu cunha nova xornada de folga e reuniu centos de persoas nas mobilizacións que decorreron en diferentes puntos do país, estivo marcada polas críticas directas á conselleira Fabiola García, á que o sindicato acusa de "mirar para outro lado mentres se perpetúa a precariedade laboral dun sector feminizado e esencial".

A responsábel da CIG no sector das residencias da comarca de Ferrol, Beatriz Fernández, explicou que a organización entregou unha carta dirixida á conselleira, reclamando unha intervención directa da Xunta da Galiza para desbloquear o conflito.

"Decidimos concentrarnos ante a Xunta para lembrar que Fabiola García é a máxima responsábel dos coidados e das residencias na Galiza. Dicir que este conflito non ten que ver con ela, sabendo que as nosas condicións afectan tamén ás persoas usuarias, non é lóxico", afirmou Fernández.

Concentración da CIG en Ferrol. (Foto: Europa Press)
Concentración da CIG en Ferrol. (Foto: Europa Press)

A sindicalista lembrou que tanto a Consellaría de Política Social como a de Traballo ofreceron unha reunión, mais advertiu de que "falta unha terceira pata para avanzar no diálogo: vontade política real".

Negociacións "bloqueadas"

A CIG denuncia que as negociacións coa patronal están completamente "bloqueadas" e que non hai ningún avance nas reivindicacións laborais, polo que o sindicato intensificará as mobilizacións nas próximas semanas.

Mobilización de persoal do sector dos coidados, este 23 de outubro en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Mobilización de persoal do sector dos coidados, este 23 de outubro en Vigo. (Foto: Nós Diario)

"Imos seguir e imos incrementar os actos. Temos claro que non imos calar: faremos ver e oír o noso malestar e iremos onde faga falta", subliñou Fernández. O sindicato puxo tamén o foco na dimensión social e de xénero do conflito, lembrando que o convenio afecta milleiros traballadoras, a inmensa maioría mulleres.

A CIG denuncia que os salarios baixos, os contratos precarios e a sobrecarga de traballo están a pór en risco non só a dignidade laboral das profesionais, senón tamén a calidade da atención ás persoas maiores e dependentes, e reclama á Xunta que asuma as súas responsabilidades como administración titular do sistema galego de servizos sociais.

O vindeiro 4 de novembro, a CIG ten convocado un novo paro de 24 horas, nunha xornada na que se repetirán mobilizacións do persoal do sector dos coidados.