Persoal de atención á discapacidade, menores e educación infantil arrodea a Xunta exixindo melloras laborais

Delegadas e delegados da CIG-Ensino, CCOO, UXT, FEUSO, CUT e SNEP leron un manifesto diante da sede da Administración galega en San Caetano e unha caravana reivindicativa arrodeou a sede central.

Inicio da caravana reivindicativa diante da sede central da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
Inicio da caravana reivindicativa diante da sede central da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)

Profesionais do sector de atención á discapacidade, menores e crianzas de 0 a 3 anos en escolas infantís de primeiro ciclo mobilizáronse esta terza feira en Compostela diante da sede da Xunta da Galiza en San Caetano. Delegadas e delegados de CIG-Ensino, CCOO, UXT, FEUSO, CUT e SNEP desprazáronse até o lugar, onde leron un manifesto diante da porta principal do edificio onde está situada a Consellaría de Política Social ,e atenderon os medios de comunicación para trasladar as súas reivindicacións.

Rematada a comparecencia, ducias de vehículos arrodearon o edificio central da Xunta da Galiza nunha caravana reivindicativa que lideraba unha faixa co lema ‘Polas melloras laborais, sociais e salariais na discapacidade, menores e infantil 0-3’.

Máis accións este mes

Desde a CIG-Ensino, o seu responsábel no sector privado, Henrique García, anunciou que a mobilización desta terza feira foi o inicio dunha serie de accións que comezarán hoxe nos propios centros de traballo e que terán continuidade os todas as cuartas feiras de febreiro. “Ademais, iniciaremos unha gran campaña de concienciación social para explicar a precariedade na que traballamos, non só a nivel salarial senón tamén na atencións ás persoas usuarias que se merecen outra calidade na súa atención”, explicou. "Tratase de seguir coa presión á Administración galega, á Consellaría de Política Social, nomeadamente a conselleira Fabiola García", agregou este sindicalista.

 O responsábel do ensino privado de CCOO na Galiza, Ángel Vicente, insistiu na importancia de que a conselleira de Política Social acceda a manter unha reunión coas forzas sindicais. "Non quere saber nada de nós e cando dá declaracións remítese a que temos convenios propios demostrando que, unha vez máis, a Administración galega mira cara outro lado e non atende aos nosos sectores", asegura. 

Pola súa parte, José Antonio Míguez, responsábel na Galiza da UXT tamén no ensino privado, criticou que “os sectores sociais que representan os niveis que maiores coidados requiren á Consellaría social, esta presume de que teñen boas condicións sen preguntar aos propios traballadores”. Por iso, este sindicalista reiterou a necesidade dunha xuntanza con Fabiola García. “Os convenios estatais habilitan a posibilidade de negociar complementos coas autonomías, estamos no noso dereito”, engadiu.

Manifesto e demandas

Entre os tres sectores representados na protesta suman unhas 5.000 traballadoras e traballadores repartidos por todo o país en máis de 500 centros de xestión privada, aínda que hai algúns de titularidade pública. No manifesto de onte, os tres aproveitaron para facer pública a situación nos seus respectivos centros de traballo, denunciando que traballan cun número de persoal reducido en relación ás persoas usuarias que atenden cada día. Alén diso, denuncian que non se cobren nin as vacacións nin as baixas, fáltanlles recursos materiais e hai eivas no mantemento e modernización de instalacións ademais de alertar da perigosidade e toxicidade que provoca funcionar nestas condicións.

Ademais, demandan melloras laborais e salariais do persoal (agora mesmo sinalan que sofren unha conxelación salarial e unha absorción de complementos pola suba do salario mínimo interprofesional (SMI). Por último rexeitan os actuais contratos temporais, parciais e fixos discontinuos así como a situación que teñen en relación ás licenzas e permisos conciliación laboral e familiar. 

Sobre as demandas, as organizacións sindicais acordaron  dar prioridade ás melloras nas condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o marco galego de relacións laborais nestes sectores a través do Consello galego de relacións laborais (CGRL), no camiño de conseguir "convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais".

No inmediato, apostan por reforzar no CGRL a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir o número de persoas usuarias por cada traballadora ou traballador e mellorar recursos nos tres sectores.

As peticións de cada sector

Malia coincidir en boa parte das reivindicacións, cada sector ten as súas particularidades. No da Discapacidade, entre outras demandas, exixen a aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no convenio estatal por parte da Administración, que agora mesmo están a asumir as asociacións.

Ademais, piden a constitución dunha Mesa tripartita (coa Administración galega, os sindicatos e tamén a representación das patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial para Galiza. 

Pola súa parte, o persoal que traballa nos centros de menores pide que se aplique de maneira inmediata a todas as traballadoras e traballadores, desde xaneiro de 2026, as táboas salariais aprobadas no convenio estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.

Tamén demandan o recoñecemento dun complemento galego, previa constitución dunha mesa tripartita galega e a dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.

Por último, no sector da educación infantil de cero a tres anos, requiren da Consellaría de Política Social, entre outras demandas, a integración total das escolas infantís na Consellaría de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial. Así, queren que se unifique as táboas salariais do convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta da Galiza para todo o sector.

Feches de profesorado en Lalín e Cee

O profesorado galego, convocado nesta ocasión pola CIG-Ensino e STEG continuou esta terza feira coa campaña de feches en centros de ensino denominada ‘Martes en loita’. Nesta ocasión a acción reivindicativa decorreu no IES Laxeiro de Lalín (comarca do Deza) e no IES Agra de Raíces de Cee (comarca de Fisterra).

Profesorado fechado onte no IES Agra de Raíces de Cee, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
Profesorado fechado onte no IES Agra de Raíces de Cee, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

A acción busca visibilizar as demandas laborais docentes como  a de contratar máis persoal para reducir o número de alumnado por aula, contar con máis docentes para atender a diversidade e con máis desdobres, recuperar o horario lectivo e reducir burocracia. A protesta repetirase todas as terzas feiras antes do 17 de febreiro e o día 10, ademais, realizaranse concentracións en todos os centros de ensino portando mensaxes reivindicativas.

Comentarios